Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROBABLEMENTE RECIBA A ALTA MÉDICA ESTA SEMANA

O mozo independentista ferido de bala segue internado sen cargos

Eduardo Vigo Domínguez segue internado, cunha ferida de bala do calibre 22, no Hospital Clínico de Santiago. O mozo, próximo a Nós-Unidade Popular, entrou por urxencias ás 8 da mañá do sábado co proxectil incrustado na perna. A familia conseguiu poñerse en contacto con el o domingo pola tarde. Fontes policiais sinalan que "aínda se están instruíndo dilixencias", e Nós-UP, que sacará un comunicado ao respecto, sinala que "non hai nada que dicir". A Vigo, que evoluciona ben, probablemente lle dean a alta esta semana.

- 17:17 16/01/2006
Tags:

A Xefatura Superior de Policía, a Delegación do Goberno en Galiza e a Policía Local de Santiago, tras o dispositivo de seguridade ao que se obrigaron tras o Congreso do PP da fin de semana, sinalaron que "aínda se están instruíndo dilixencias. En dous ou tres días saberemos algo".

De momento, unha lixeira vixiancia policial acompaña a estancia -sen cargos- de Eduardo Vigo no Hospital Clínico de Santiago.

Un membro de Nós-UP, que comeza por remarcar que a súa é unha "organización política legalizada que non está interesada en ningún tipo de acción violenta", afirma que o tratamento informativo da nova é "indignante. ¿Qué pasa, protéxeno ou vixíano? Se non houbo terceiras persoas, debe ser que o están vixiando, supoño".

As informacións aparecidas na prensa galega subliñan que é "a primeira vez" que a policía atopa armas. Na fuxidía Operación Castiñeira, con rexistros en locais sociais e culturais da organización en toda Galiza, non se atopou ningunha.

Eduardo Vigo, de 20 anos, fixo traballos de fontaneiro e foi o número 39 da lista de Nós-UP ao Parlamento Europeo cando cumpriu 18 anos.

Según a versión da familia, o rapaz pasou a noite do venres na súa casa de Angrois, ao pé do Sar. A primeira declaración do mozo ao respecto da perna é que atopou a pistola na rúa e, pensando que era de fogueo, rematou ferido e acabou por desfacerse da arma, que aínda non apareceu. Descoñécese a implicación de terceiras persoas no suceso.

Fontes de Nós-UP sinalan que Eduardo Vigo "tamén ten dereito á privacidade en canto á súa filiación política. Das nosas 444 medidas concretas para o novo Goberno non din nada. Só saímos nos medios por estas cousas". A retirada da simboloxía franquista das cidades e vilas de Galiza é, até o de agora, a actividade máis proxectiva da organización.

O pai de Vigo rexeitou facer declaracións. O mozo evoluciona favorablemente, e probablemente lle dean a alta médica esta mesma semana.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: