Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
25 ANOS DESPOIS DA ÚLTIMA ASONADA MILITAR NO ESTADO ESPAÑOL

23 galegos no 23-F

Vieiros preguntoulles a vintetrés galegos significados política e/ou culturalmente qué estaban facendo o 23 de febreiro de 1981, cando parecía que "a entraña corrompida de España" –seguindo a expresión de Orwell no 36- recuperaba o cabalo. O medo e a valoración dos feitos, vintecinco anos despois, cambia segundo idade, orientación política e grao de activismo real (entón e agora). Ningún discurso monárquico tivo máis audiencia interesada que aquel. Algúns pensaron en Portugal, pero -din- ninguén acabou na raia.

- 13:03 23/02/2006
Tags:

X. M. Albán, restaurador e fotógrafo free lance: Traballaba para A Nosa Terra, tamén militaba na UPG... ese día había Consello da Xunta e estabamos no Pazo de Raxoi. O Consello pechouse ás 18.30; os gardas civís que había abaixo dixéronnos que, até nova orde, non podiamos entrar nin saír. Polo menos aos xornalistas só nos pasaría o mesmo que lles pasase aos demais... a iso das 23.30 saímos, fun á redacción e dixéronnos que cadaquén buscase a vida. Pensei en baixar a Portugal, pero acabei pasando a noite na casa dunha amiga que era filla dun tenente coronel da Benemérita. Pareceume o sitio máis seguro.

Xosé Luís Barreiro Rivas, profesor de Ciencias Políticas e analista de La Voz de Galicia: Estaba no estudio da miña casa, traballando sobre o plan das autonómicas do 81. Escoiteino polo radio, puxen a tele e, cando vin que non había emisión, sentín unha enormísima preocupación persoal e política. Eu non estaba libre de sospeitas, pasara tres veces polo Tribunal de Orde Pública, anque estivese en AP... para cando saíu o rei, xa non me cumpría que saíse. Eu creo que a vacina contra o golpismo en España proporcionouna o 23-F, coa sociedade como vixilante da democracia civil e o exército un pouco avergoñado da súa posición. Máis complicado tería sido se estivesemos redactando a Constitución, pero até os Estatutos estaban feitos. Aquilo tivo unha incidencia negativa nalgúns aspectos, pero é coma quen escribe dereito con liñas tortas.

Xosé Manuel Beiras, catedrático de Economía Aplicada na USC e membro do Consello Nacional do BNG: "Cando me reincorporei, todo estaba cociñado" (extractado de A estrela na palabra). Coa perspectiva do tempo, pódese dicir que o PP está facendo o que fixeron Tejero e compañía; é unha estratexia golpista a respecto de calquera normalización política. O espírito do 23-F trunfou, non houbo transición... non houbo depuracións nin no exército nin na policía nin no poder xudicial. Está pasando algo semellante ao acontecido na república de Weimar... volveu a dereita española, a económica e a institucional. Entroutras moitas cousas que se poderían analizar seguirían estando os GAL. ¿Que eran os GAL antes de Barrionuevo?

Xusto Beramendi, catedrático de Historia Contemporánea na USC: Eu era entón o secretario técnico do Colexio de Arquitectos e militaba no PSG. Estaba no meu despacho en Montero Ríos, escoitando pola radio o debate de investidura. A verdade é que cando entraron os gardas civís, se escoitaron as pistolas e se fixo o silencio... eu chamei á casa para que a miña muller recollese aos nenos. Estivemos preocupados até o discurso do rei... Federica Montseny xa dixera que o rei estaba posto antes do 23-F, e despois gañara o posto. E díxoo en serio, como aquilo de que "o PSOE cre que gañou o poder, pero é o poder o que gañou ao PSOE".

Manuel Bragado, director de Edicións Xerais: Coñecín a noticia na I Semana da Educación que faciamos en Pedagoxía, en Santiago, eu xa andaba no quinto curso e era presidente da comisión de alumnos, militaba en Esquerda Galega... xusto nos colleu nunha conferencia de Carlos Lerena, o gran sociólogo da educación. Cando o bedel nolo comunicou, Lerena dixo "tranquilos, en Madrid non pasa nada". A conferencia rematou cando escoitamos que Miláns del Bosch sacara os tanques á rúa en Valencia. Lembro que estiven no local de EG até as doce da noite, con Nogueira e Carlos Vázquez, e despois marchei durmir á miña casa do Castiñeiriño...

Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura: Eu entereime cando estaba sentada nun bar, logo de saír do Instituto de Agra do Orzán. Daquela xa militaba en ERGA, así que estivemos pendentes da radio e das noticias durante todo o día. A verdade é que non pasei medo no aspecto persoal, e non pensei en fuxir nin nada diso -tamén porque era moi nova-, pero si tiven medo polo que podía supoñer para o futuro do país.

Manuel Cabezas, alcalde de Ourense: Colleume en Ourense. Rematara os estudios de enxeñeiro agrónomo e volvera traballar á cidade. Entereime cando me dirixía ao colexio cos meus fillos. Preocupeime enormemente ao coñecer a situación, e a miña reacción inmediata foi buscar toda a información posíbel para saber qué ocorría, escoitando a radio. Sentín unha fonda preocupación nas horas seguintes. Só nos tranquilizamos cando a auga volveu ao rego.

Camilo Franco, xornalista: Para min foi un feito consumado. Daquela eu era fuxitivo dos meus pais, sen tele nin radio, e bastante tiña con ir vivindo. Un amigo meu que vivía no barrio da Ponte, en Ourense, dérame pousada na casa dos seus pais, que andaban na emigración, e ao día seguinte dinme conta do que pasara. A verdade é que medo non pasei, non creo que perderan o tempo en buscarme... penso que o 23-F é algo que só se pode entender desde España. Cada vez que vas con ela a algures, vas mal acompañado.

Carme Gallego, conselleira de Pesca: Estaba en Pontevedra estudiando no instituto cando nos comunicaron que houbera un golpe de Estado. Lémbrome que ás oito da tarde, despois de varias horas de incertidume, volvín en autobús á miña casa, en Vilaboa, onde a miña familia vivía o momento con moita preocupación. Nada máis chegar, cuns compañeiros, achegueime á nosa asociación cultural para agochar libros e música. Tamén lembro cando saíu o rei pola televisión. A xente comezou a respirar un pouco máis tranquila...

Anxo Guerreiro, analista político de La Voz: Eu pasei moito medo por razóns extraordinarias, supoño, porque non estaba en Galiza. O 23 de febreiro ás 16 horas saín para Arxel, como secretario xeral do PCG, para participar no quinto aniversario da república saharaui democrática. Ía con Serrat no avión... Chegamos a Argel e durmimos no hotel, non nos enteramos de nada... Ao día seguinte fun mercar tabaco e escoitei a un feixe de empresarios españois falando confusamente do tema. Chamei á miña casa e tiñan curtado o teléfono, na sede do PC tamén, e chamei a un amigo a Fenosa e tamén. Pero pasou que me trabucara marcando o prefixo. Esas horas que pasei pensando que estaba todo curtado... O golpe fixo que se avanzase na depuración democrática do aparato do Estado, pero pesou moito no proceso de descentralización política. Os que queren reformar os Estatutos non deixan de lembralo, loxicamente.

Bieito Iglesias, escritor: Eu rematara Historia, militaba na UPG e traballaba en A Nosa Terra. Xustamente estabamos rematando un número no local do xornal na rúa da Troia. O certo é que na onda política na que estabamos por entón, tiñamos unha certa sensación de irrealidade... parecíanos absurdo un golpe de Estado contra un franquismo disfrazado, e quizais esa sensación nos aforrou o medo... golpe a nós xa nolo parecera o da UCD. Houbo xente que o viviu desde a fronteira, e fomos conscientes do perigo cando a xente do BNG que se foi achegando ao local nos foi dicindo que liscasemos, que podería haber incontrolados... eu non me alarmei por inconsciencia.

Margarita Ledo, catedrática de Comunicación Audiovisual na USC e documentalista: Estaba en Santiago, politicamente acababa de deixar a UPG pero seguía na órbita do nacionalismo; despois aparecín nunha lista que sacou La Voz de Galicia, cos galegos incluídos na lista negra do 23-F, como xornalista e nacionalista. Non durmín na casa pero estaba en santiago; despois Xavier Costa-Clavell pasoume o recado de que acababa de saír o comunicado do rei.

Enrique Nicanor, produtor e director de United Media: Entón era realizador e director de programas de TVE. Lembro unha certa parálise, ao estarmos alí, sen emisión... os militares do cuartel de transmisión eran dalgún xeito veciños, dicíannos que tiñan que estar alí, que pasa isto... Non creo que ninguén se puxese nervioso. A min xa me chegaran rumores o día anterior, en plan "máis vale que vos quededes na casa", pero creo que o fixemos ben. Sabendo o que pasaba polos monitores, nós seguiamos rexistrándoo todo, anque non houbese emisión, gardamos a cinta, que nunca se puxo á disposición dos militares... e naquel equipo non había socialistas.

Camilo Nogueira, militante de base do BNG: En Santiago... eu era dirixente de Esquerda Galega. Nada máis enterarnos, fixémoslle fronte e quedamos no local da costiña da Praza Roxa, onde pasamos toda a noite até que vimos que non había problema. Decidimos facer visibeis, alí onde tiñamos representación, a todos os nosos concelleiros (Vigo e A Coruña). Foi especialmente significativo o discurso de Pujol ás dez da noite; revelou unha autoridade moral da que moitos outros dirixentes careceron... creo que non demos un paso atrás en absoluto.

Xosé López Orozco, alcalde de Lugo: Eu estaba na miña casa, dándolle as papas á nena maior. Nese momento chamoume a miña nai para dicirmo e falei cos compañeiros do partido. O primeiro foi agochar as fichas dos afiliados e poñernos a disposición do gobernador, Germán Luaces. Só quedei tranquilo tras o discurso do rei. Entón fun dar clases coa radio posta para contarlle a película aos alumnos. A miña nai insistía moito en mercar leite e conservas...

Xosé Manuel Pereiro, xornalista: Estaba traballando na Coruña para o Faro de Vigo. Fisicamente, colleume apañando sucesos na xefatura superior de policía. Supoño que estabamos todos igual de preocupados... eu tomeino cunha certa inconsciencia, creo que o vivín máis desde o punto de vista da tensión xornalística que doutra cousa, entón todo era máis intenso... Lembro tamén as celebracións daquela noite... politicamente, o certo é que os alicerces da democracia estaban por definir.

Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta: Por aquel entón eu era o responsable do Partido Comunista de Galicia en Santiago e lémbrome que reaccionei de xeito vigoroso, aínda que quizais isto non fose o máis recomendable e prudente. Decidín permanecer na sé con outros membros da dirección e organizar a retirada de parte dos ficheiros e da documentación. Posteriormente, xa durante a madrugada, preparamos a edición dunha folla informativa que repartimos á entrada dos centros de traballo. Lémbrome que eu fun á entrada de Televés. Xa sei que hoxe isto pode ser considerado unha irresponsabilidade, pero eramos plenamente conscientes de que había que defender, ante todo, a liberdade. Foron momentos de gran tensión, angustia e incerteza, que 25 anos despois podemos contemplar coa fortaleza dun país e dunha cidadanía que ama a democracia e a liberdade.

Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta: Eu facía Enfermeiría en Vigo, estaba estudando na biblioteca e o uxier, que sabía cómo respiraba eu politicamente, veu avisarme. Tomeino a coña, pero fun até a súa garita e escoiteino pola radio. Era certo... entón fun ás clases e convoquei unha asemblea, paralizando toda a actividade docente. Marchei para Vigo dende o campus e fun pola miña casa un momento, porque os meus pais estaban preocupados, pero quedaron aínda máis asustados cando saín para dirixirme á Asociación Cultural de Vigo -daquela centro da actividade política do nacionalismo-. Entre todos decidimos que o mellor era pasar inadvertidos nas próximas horas, á espera do que sucedera, que finalmente non foi nada. Eu estou convencido de que o golpe de Estado tiña dous obxectivos: rematar coas libertades e reconducir o proceso de desenvolvemento autonómico, que xa entón estaba cobrando forma e bríos. A resolución do 23-F serviu para que o golpe non lograra o primeiro obxectivo, aínda que penso que o segundo si que o conseguiu en parte, porque todo aquilo derivou nun parón no proceso de desenvolvmento autonómico e unha recesión que tardamos en recuperar. En Galiza provocou ademais o parón no desenvolvemento organizado do nacionalismo galego, que estaba cobrando forza pero que aínda era moi feble, e se viu perxudicado pola ola de bipartidismo que se viviu despois do 23-F.

Antón Reixa, presidente do Clúster do Audiovisual galego e produtor: Estudaba filoloxía de reenganchado, primeiro probei coa inglesa e despois coa galego-portuguesa... vivía con Celso Parada nun pisiño de Compostela e estabamos escoitando a radio mentres estudabamos. Lembro a reacción de Celso: "Ao carallo o galego-portugués". Desde logo, o feito de que trunfase aquel golpe de Estado suprimíanos do plan de estudios...

Suso Seixo, secretario xeral da CIG: A min colleume no local da CIG da comarca da Coruña; era secretario comarcal da INTG. Promovemos unha reunión con outras organizacións para ver qué se facía, non aparecimos pola casa e esperamos acontecementos. Cando saíu o rei xa se viu que aquilo non era para tanto, pero foi unha profilaxe necesaria.

Lidia Senra, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego: Sei que estaba en Lugo, que participei nas manifestacións que houbera... e algunha responsabilidade debía ter nas Comisións Labregas, supoño... Que eu teña constancia, no entorno sindical e nos outros nos que eu me movía, ninguén marchou a ningures. Estabamos á expectativa, pero ninguén entregou nada.

Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural: Viaxaba cara Santiago desde Ourense. Escoiteino á altura de Lalín. Cambiamos de lugar a reunión e durmimos en casas desparellas. Considerei totalmente posibel a volta a un estado ditatorial, era un risco real. A posibilidade de que todo volvese atrás estaba aí.

Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo: Estaba rematando a carreira de Arquitectura na Universidade Autónoma de México. Lembro a sensación na miña casa, non podía ser que estivesemos outra vez na mesma. Foi un grande desalento e un gran alivio. Unha proba da fraxilidade do sistema democrático nese momento, anque tamén se tivo a serenidade suficiente para reconducir a situación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: