Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTA FIN DE SEMANA CELEBRAN DEZ ANOS NO 103.4 DA FM

CUAC FM: "A soberanía está na asemblea"

CUAC FM, a radio universitaria da Coruña, no 103.4 da FM, cumpre 10 anos e celébrao cun Festival de 24 horas de duración, na pista cuberta de tenis do campus da Zapateira, desde a medianoite do sábado 25 até a medianoite do domingo 26. Aberta a calquera mozo que teña algo que dicir nun programa radiofónico semanal, en CUAC "todos somos xornalistas", di a responsábel, Sabela Lema. Dez anos e 275 programas despois -agora mesmo emítense 46-, CUAC -Colectivo de Universitarios Activos- son 150 voluntarios aos que lles gusta a radio. Sobre o tema ese da libertade de expresión, Lema remarca que os socios que realizan cada programa "amosan libremente as súas inquedanzas, sexan de dereitas, esquerdas, ácratas, etc". Non hai axenda cultural, pois -di- "é a libertade" a que favorece a chegada a CUAC de especialistas en temas afastados dela.

- 10:58 24/03/2006
Tags:

Vieiros: Como se financia unha emisora universitaria cultural sen ánimo de lucro?

Sabela Lema
: Nós somos unha asociación cultural independente da Universidade. Como calquera asociación deste país, acollémonos ás convocatorias de subvencións para asociacións que realizan as Administracións públicas. Gustaríame, ademais, subliñar que para CUAC é moi importante non depender economicamente de subvencións, polo que os ingresos máis importantes da emisora corresponden ás cotas aboadas polos socios. Cada programa, para emitir en CUAC FM, debe aboar 20 euros ao mes.
Non é unha cantidade moi elevada, pero iso permítenos afrontar os gastos ordinarios da emisora, mercar material e organizar Festivais coma o desta fin de semana. A Universidade da Coruña cédenos os locais do estudio, e iso tamén é unha importante axuda para unha asociación que realiza un traballo continuo, de luns a sábado, dende a mañá ata as 24:00. Na nosa web www.cuacfm.org móstrase unha grella coa actualidade de tódolos programas en emisión.

Sentídesvos próximos ás afoutadas radios libres de Vigo ou Santiago, máis ou menos debedoras do que puido ser un espírito universitario, carreiras á parte?
Nós somos unha asociación completamente independente de calquera institución política, e esta independencia transmítese tamén na libertade de opinión que ten cada un dos socios. CUAC FM non ten unha liña editorial propia, senón que é cada programa, e os socios que o realizan, os que amosan libremente as súas inquedanzas, sexan de dereitas, esquerdas, ácratas, etc. Cadaquén é responsábel das súas verbas, e os únicos límites á liberdade de expresión son as leis vixentes e o respecto aos demais compañeiros. Somos unha Radio Libre, porque non dependemos de ninguén, a soberanía está na asemblea, e basicamente porque todos nos sentimos completamente libres para opinar e facer crítica (procuramos que construtiva) de todo aquilo que nos parece inxusto. Ou bo, se se dá a ocasión. Si nos sentimos próximos aos compañeiros de Vigo ou Santiago en que sufrimos a mesma carencia de dereitos e a mesma despreocupación por parte das autoridades sobre o problema das radios comunitarias, asociativas, libres... Tanto eles coma nós formamos parte da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, que naceu coa intención de reivindicar estes dereitos de cidadanía.

Que lles interesa aos universitarios neste momento, se falamos da radio?
A música, todos os estilos de música, foi, é e será un dos contidos principais de todos os programas, anque tamén o teatro e o cine, o humor, a crítica política... os contidos da nosa radio márcaos cada un dos socios do Colectivo, polo que cada programa é independente do seguinte, non hai liñas editoriais nin programación dirixida dende a directiva, o que é unha peculiaridade importante. Iso é bo por dúas cousas: porque a liberdade sempre favorece a creatividade, a imaxinación, a transgresión; e en segundo lugar, porque favorecemos que se acheguen á nosa emisora todo tipo de colectivos, mentes inquedas, especialistas en temas minoritarios, etc... Ninguén lle di a ninguén o que debe facer no seu tempo de radio. Somos unha emisora aberta ás "grandes minorías" deste país.

Como cre que son esas grandes minorías aínda mozas?
A mocidade semella estar preocupada polo seu futuro, un futuro laboral que moitas veces non se corresponde coas expectativas postas nunha determinada carreira ou formación persoal, e iso provoca non poucas inquedanzas.
Hai unha minoría da mocidade que é consciente de que a loita social do noso tempo líbrase no eido da comunicación, e resístense a ser alienados e asoballados por unha sobrecarga de información que non son máis que variacións do mesmo tema. Moitos dos socios e socias de CUAC FM pódense identificar con este perfil. Malia todo, estamos sempre dispostos a pasalo ben. Como proba, o desta fin de semana. Non sempre se cumpren dez anos!

A información cultural a penas cambia de formato nos medios masivos, o que sempre é unha vantaxe para proxectos coma o seu. Considera posíbel aproveitala fóra dos circuítos comerciais, transcendendo a universidade?
Non só é posíbel senón que é recomendábel. Pódese facer, pero decatándose de que nós, neste momento, non podemos competir. A nosa é unha audiencia intencional, os nosos ouvintes non serán moitos, pero son os mellores porque as nosas características técnicas e organizativas requeren deles un esforzo consciente por escoitar o que non poden atopar noutros sitios. De todos os xeitos a presión dos medios comerciais é tremenda, o que dende o noso punto de vista é malo para a saúde dunha sociedade pretendidamente democrática.

Cal é a súa idea de radio?
Entendemos a radio coma un verdadeiro medio de información que supera a dinámica emisor-receptor. En Cuac pódense mudar os papeis, e o receptor pódese converter en emisor cun programa de seu, non só participando cando lle pete a un locutor. Aquí temos as portas sempre abertas.

Como superaron a fin de Zapping, un dos seus programas estrela, e a marcha de Antón e Txury cara á radio comercial?
Soportámola con resignación pero tamén con orgullo e ledicia, xa que foi a ratificación de que o noso modelo de radio tamén pode funcionar co público xeneralista. Non foi nada traumático e mantemos unha excelente relación. Só agardamos que os xefes de programación escoiten más frecuentemente Cuac, porque na canteira da que saiu Zapping aínda queda pedra para dar e tomar. E tampouco son Antón e Txury os únicos locutores ex cuáckeros que andan por esas ondas hertzianas remuneradas daí fóra...

A que andan agora?
Agora mesmo andamos liados co noso VIII concurso de maquetas (faremos público o fallo este domingo durante o programa especial cun pouco de sorte), e a medio prazo estamos seguimos mergullados na Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias e máis na Rede Estatal de Medios Comunitarios, na procura da dignificación das condicións legais das radios sen ánimo de lucro. Ademáis de tentar seguir sobrevivindo e renovándonos, que é o traballo cotián.

Fálenos entón da festa desta fin de semana...
Recomendo a asistencia... e non porque si. É o que nós entendemos por festa cultural: o sábado 25 tocan Delhampa, Trashnos, Snayl e The Virginals. Tras o concerto, sesión DJ con seis convidados de diferentes estilos, desde heavy até dance music. O domingo 26 segue a festa popular, a ritmo de música tradicional: pulpo e empanada, entroutras cousas, a prezo módico. A media tarde, exhibición dos All Stars da Liga Nacional de Billarda. E, a partir das 18 horas, Miki Nervio & The Bluesmakers e outros grupos coruñeses amenizarán a tarde. Despois será o turno dos monologuistas e de CUAC FM. Convidámosvos a todos. A asistencia, por suposto, é gratuíta.


5/5 (2 votos)