Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFERENCIA EN BERNA SOBRE "GLOBALIZACIÓN E IDENTIDADES NACIONAIS"

Quintana aposta por un "deseño en rede" contra a estrutura "desfasada" do Estado-Nación

Se a globalización é un fenómeno imparábel, a reivindicación das identidades "é a mellor estratexia para xestionala e diminuír os seus riscos". Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, na conferencia sobre Globalización e identidades nacionais que deu hoxe na cidade suíza de Berna, convidado pola Fundación Debate. Quintana afirmou que ser nacionalista en Galiza "é un acto de rebeldía e un xesto de modernidade", rebeldía contra a "monotonía intelectual e política que trata de impoñer o pensamento único" e modernidade porque, segundo dixo Quintana, "é a forma mais intelixente de estar no mundo de hoxe, nun mundo global". O vicepresidente aproveitou a súa viaxe para reunirse cos responsábeis dos centros e colectividades galegas en Suíza e reivindicar que os galegos residentes no exterior se beneficien tamén da cobertura que estableza a Lei de Dependencia.

- 12:51 29/04/2006
Tags:

Na conferencia Quintana falou ademais de lingua, de diversidade e da necesidade de formular un cambio de paradigma na estrutura dos Estados. Reiterou o seu convencemento de que o Estado-Nación é "unha estrutura desfasada", son "estados-artefacto que non saben dar respostas aos desafíos da globalización", porque son deseños "ríxidos, que non se adaptan, e que non son eficientes dende o punto de vista económico e non son capaces de aprender da diversidade e a diferenza con verdadeira eficacia".

Para Quintana, a relación entre identidade e diversidade "só pode estar xestionada a partires dunha nova relación entre formas políticas e sociedade" que se articule no ámbito local, nacional e global nun sistema baseado en novas formas democráticas de colaboración e representación. "Unha nova relación con capacidade para xestionar e canalizar a diversidade", apostilou o vicepresidente da Xunta.

Quintana puxo coma o mellor exemplo desto a Europa, dentro dos procesos nos que maneira paralela se ceden espazos de soberanía para construír unha nova realidade política supraestratal. O vicepresidente asegurou que a emerxencia da nova orde política europea ten xerado unha dinámica de "cambio institucional" que altera a división de competencias, as relacións entre os niveis de goberno, as prácticas e as estratexias políticas. Ademais Quintana dixo que ao mesmo tempo o proceso de europeización "xera expectativas, ofrece incentivos e crea novas posibilidades", e abre novos espazos de actuación e interacción "por debaixo e por enriba do Estado".

Visita aos emigrantes
O venres pola tarde o vicepresidente aproveitou para reunirse cos colectivos de emigrantes de Suíza e expoñerlles a reclamación do Goberno galego para que a futura Lei de Dependencia do Estado teña en conta os emigrantes tanto no seu financiamento coma na súa cobertura.

No Centro Galego de Berna, onde se reuniu esta tarde cos responsables de todos os centros e colectividades galegas en Suíza, Quintana explicou algunhas das actuacións que o Goberno galego ten en marcha para establecer un "novo modelo de relación coa Galicia da diáspora". O vicepresidente explicou que para o bipartito, os emigrantes galegos teñen que ser cidadáns galegos de pleno dereito, deixando os "fins puramente electorais" con que estaban a ser tratados polo anterior goberno.

En Suíza viven actualmente uns 34.000 galegos, que representan a maior colectividade galega na emigración despois de Arxentina. En Suíza, esta colectividade conta ademais con 20 centros, onde están asociadas unhas 3.500 familias. Para todos estes centros, o vicepresidente lembrou que a partires do vindeiro mes de maio comezará a distribución de exemplares do "Infoxove", unha nova publicación da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia, que, por primeira vez, chegará puntualmente cada mes aos mais de 200 centros galegos no exterior.

Proxectos na rede
Quintana anuncioulles aos emigrantes a futura posta en marcha do portal "Coidanet" ou Rede de Coidadores, unha iniciativa que porá a disposición das persoas que precisen coidados específicos información e asesoramento por parte de distintos profesionais da área socio-sanitaria, entre eles médicos, psicólogos, terapeutas ou traballadores sociais. Esta rede permitirá solventar as dúbidas que lles podan xurdir aos galegos residentes en Galiza pero tamén aos emigrantes.

O Vicepresidente avanzou ademais que o seu departamento creará tamén un portal de información xuvenil que incluirá bolsas de emprego, estudios e outras informacións de interese para a mocidade residente en Galicia, pero que será especialmente útil tamén para os mozos galegos descendentes de emigrantes, para que manteñan o contacto coa terra de orixe e participen nas actuacións que o Goberno galego está a poñer en marcha dirixidas especialmente á mocidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: