Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O MUNDO CELEBRA O DÍA DAS LETRAS

Unha lingua transoceánica

O Día das Letras Galegas vai máis alá das nosas fronteiras: o galego está espallado polo mundo de xeito que este día é tamén festa na lusofonía, por todo o Estado e resto de Europa e mesmo na outra beira do Atlántico, nesa gran quinta provincia resultado da emigración. Os lectores e lectoras de galego espallados por varias universidades son dos principais axentes dinamizadores de actos, pero tamén hai eventos organizados pola Consellaría de Cultura, o Consello da Cultura Galega, etc. Imos dar unha volta ao mundo para sabermos o que se está a facer:

- 09:33 18/05/2006
Tags:

No resto do Estado...
Se repasamos a actividade dos lectorados, veremos como na Universidade Complutense de Madrid o 16 de maio, coa colaboración da Galería Sargadelos, o profesor Roberto Pascual ofrece unha conferencia sobre o teatro de Lugrís, e o escritor Manuel Pereira Valcárcel aborda o perfil biográfico do homenaxeado este ano. O vindeiro venres farase unha lectura dramatizada dos textos de Lugrís e doutros autores galegos contemporáneos.

Mentres, na Autónoma de Barcelona, Xabier Campos Villar falará sobre a figura de Manuel Lugrís. Ademais, farase entrega do premio literario Riscos e presentarase a vindeira convocatoria deste certame.

En Salamanca, a Semana das Letras Galegas inclúe un ciclo de cinema galego, unha charla sobre as relacións entre Galiza e Brasil, e a entrega de premios do V Certame de Narración Curta do lectorado desta universidade.

Tamén Estremadura acollerá diversas actividades: en Cáceres, o día 17, o compositor estremeño José López Santana ofrecerá un recital de poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez ou Avilés de Taramancos. E na Universidade de Murcia programaron un ciclo de proxeccións de documentais e obras de teatro e preparan tamén un concerto de música tradicional galega.
Xa fóra do ámbito universitario, a Galería Sargadelos de Barcelona, na Rúa Provenza, acolle á agrupación teatral Os Furafollas, cos seus "Contos das Letras", o día 17 ás 20:30.

Á outra beira do Miño
E no país irmán, o Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, en colaboración coa Cátedra de Estudos Galegos, co Instituto Cervantes e co Biblioteca Museu República e Resistência, teñen unha nutrida axenda de actividades: a mesa debate sobre "Escribir e ler en Galicia hoxe", con Xavier Seoane, Ánxel Rei Ballesteros, Luís Rei e Manuel Bragado. O Museu acollerá unha exposición de primeiras edicións de clásicos galegos cedidos polo director do centro en Lisboa, Ramiro Fonte. Ademais, o escritor e profesor Xosé Ramón Pena falará sobre Os Eoas de Eduardo Pondal. Pero tamén haberá tempo para o cinema e a música.

Máis exposicións: unha de fotos e bibliografía sobre Manuel Lugrís Freire, na nova biblioteca municipal Lúcio Craveiro de Braga, que durará até o vindeiro día 31, outra de carteis e outra de pintura con obras do galego Suso Noya, na Universidade de Faro, no Algarve.

Por Europa
En Francia, a Universidade Sorbonne Nouvelle III, de París, en colaboración coa Casa de Galicia, organiza para mañá varias conferencias e as actuacións musicais do grupo de música e baile da Nosa Casa de Galicia de París e do Centro Galego de Bruxelas. Ademais, para a última fin de semana do mes está previsto o I Encontro da Rede Francesa de Estudos Galegos (Refrega), baixo o título "O espazo público galego no século XXI": espazo socio-político, espazo artístico e medios de comunicación. Este primeiro encontro pretende ser unha toma de contacto entre xente que traballa en Francia sobre temática galega (ben sexa no ámbito académico, ben sexa no asociativo ou noutros) e, ao mesmo tempo, un encontro transdisciplinar. As xornadas contarán cunha parte artística que estará asegurada na súa vertente gráfica polo pintor galego Pancho Lapeña e pola fotógrafa galega residente en París, Niki Picalitos e, na parte espectacular, pola bailarina galega residente en Suíza, Mercé de Rande, acompañada de Xurxo Piñeiro, que presentará o seu último espectáculo Hana-Bi (flores de fogo).

En Italia, a Universidade de Roma acolleu o pasado venres, grazas ao lectorado de galego, unha xornada sobre a tradución do galego ao italiano, na que participaron autores, tradutores e editoriais.

Tamén os lectorados alemáns coordínanse habitualmente para celebrar o Día das Letras, que vai rotando cada ano por cada unha das catro universidades con lectorado: Berlín, Heidelberg, Tübingen (Tubinga) e Trier (Tréveris), á que lle corresponde este ano. Os outros tres lectores desprazaranse a Trier para participar de actos coma o Coloquio Científico Internacional de Onomástica Galega, un foro sobre a prosa galega contemporánea, da redacción e mesmo do Camiño de Santiago. Tamén haberá un concerto do grupo Resonet, todo nos días 19 e 20. Ademais, o lectorado de galego, en colaboración co ZEUS (centro interdisciplinar de linguas europeas), da Freie Universität Berlin, organiza unha exposición e conferencia sobre a diversidade lingüística da Península Ibérica e un mini-curso de galego de media hora para os asistentes. Na semana seguinte as escritoras Úrsula Heinze de Lorenzo e Helena Villar Janeiro viaxarán a Berlín para participar no Congreso Internacional do PEN Clube como representantes da sección galega, e o martes 23, acodirán á Facultade de Filoloxía da Freie Universität Berlin, para participar nunha charla sobre a súa obra literaria, a situación da literatura galega contemporánea e o traballo de apoio aos escritores que o PEN Clube desenvolve por todo o mundo. E xa en Polonia, as universidades de Varsovia e Cracovia organizan conxuntamente unha conferencia do escritor Francisco Alonso.

E a Fundación Galicia Europa en Bruxelas súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha programación para o 17 que inclúe unha conferencia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas para achegar aos cidadáns europeos algunhas "Reflexións sobre a Galicia actual". Tamén el impartirá o Seminario sobre Galiza dentro do ciclo de conferencias para os profesores belgas que ensinan español, organizado de xeito conxunto coa Consellería de Educación da Embaixada de España en Bruxelas e a Fundación Galicia Europa. Este encontro terá lugar ao longo da tarde na sede da Fundación e nel se abordará a realidade de Galicia coma cultura occidental a través da súa unidade e diversidade no espazo, os xeitos de asentamento sobre o territorio, a relación coa cultura europea románica, o esplendor barroco, o papel dos pazos e mosteiros, o rexurdimento cultural, e o proceso de afirmación rexional até chegar á época autonómica actual.

Este mesmo día, a secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán, presentará o libro Polifonías, na Librería Orfeu de Bruxelas. A obra editada pola Xunta recolle versos de poetas galegas contra a violencia de xénero.

Contra o final da xornada, terá lugar unha cea-coloquio á que asistirán a secretaria xeral de Igualdade e mais o Presidente do Consello da Cultura Galega. Este encontro estará aberto ao público que queira participar, previa confirmación da súa asistencia.

Alén do Océano:
Tamén en América se celebra o Día das nosas Letras: en Brasil, a Universidade de Fortaleza, no Ceará, celebra un encontro cos alumnos de lingua e literatura galega (un xantar con produtos típicos e unha audición de poemas e cancións galegas). A Secretaría Xeral de Política Lingüística remitiulles a todos os centros de estudos galegos no exterior diverso material sobre Manuel Lugrís Freire para facilitarlles a organización dos actos.

E mesmo en Terra Santa O galego chega a Tel Aviv: alí, o Instituto Cervantes organiza un Congreso Hispano-Israelí de Escritores, Editores e Tradutores, do 15 ao 17 de maio, na Universidade Hebrea de Xerusalén. Moncho Iglesias, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e gañador do premio Plácido castro pola tradución de Etgar Keret ao galego, dará unha conferencia sobre as letras galegas, arredor das figuras de Cunqueiro e Manuel Lugrís Freire.


Documentos

1/5 (1 votos)