Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN CAN-ROBOT CHAMADO AXÓUXERE FALARÁ EN GALEGO CON TOURIÑO

Comezan os actos oficiais do Día das Letras

O presidente da Xunta inicia hoxe os actos oficiais do 17 de maio dedicándolle a mañá ao Día das Letras e a tarde ao Día de Internet. Ás 12 está previsto que presida un acto na Casa Museo de Rosalía no que se fará unha presentación da obra completa de Manuel Lugrís Freire. Pola tarde, no Obradoiro, Touriño celebrará o a festa de internet "interactuando" cun can-robot chamado Axóuxere. Na Coruña, Javier Losada fai a primeira recepción municipal do Día das Letras dende que Francisco Vázquez chegara a María Pita.

- 09:05 16/05/2006
Tags:

Padrón acolle a primeira celebración institucional do Día das Letras, onde a presidenta do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, e os membros do Comité Executivo da mesma, recibirán a Pérez Touriño e a o presidente e outros membros da Real Academia Galega. Alí os asistentes serán agasallados cunha pulseira electrónica que contén unha escolma feita pola RAG da obra de Lugrís Freire, cuxos contidos coinciden cos do bolígrafo electrónico que terán ao seu dispor os membros da Mesa Presidencial.

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta foi a encargada de dixitalizar esta escolma, que recolle creacións poéticas e teatrais de Lugrís Freire, así como contos e a gramática da súa autoría, ao tempo que presenta portadas orixinais das súas obras.

Pola tarde os actos de Touriño xirarán en torno ao Día Mundial de Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, e estarán protagonizados, ademais de polo presidente, por un can-robot chamado Axóuxere. No mesmo escenario Emilio Pérez Touriño falará a través do chat con Jorge Álvares, presidente do INCAA (Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais) de Arxentina. Na celebraci´no tamén participará Ramón Bermúdez de Castro Olavide, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e presidente da Asociación de Telecomunicacións de Galiza.

Mañá Touriño asistirá aos actos que a Real Academia Galega organiza en Sada para conmemorar o Día das Letras Galegas 2006 en homenaxe a Manuel Lugrís, nacido nesta vila das Mariñas.

A celebración municipal volve á Coruña
O sucesor de Francisco Vázquez logo da súa marcha ao Vaticano, Javier Losada, presidirá por primeira vez unha recepción municipal da corporación gobernada polos socialistas con motivo do Día das Letras. No acto, que empezará ás 8 da tarde, estarán convidados representantes de distintos sectores da cidade, entre eles a propia xunta directiva da RAG. Durante o acto, farase un recordatorio de poemas de Luis Seoane. Ademais, o concello herculino encargouse da publicación dunha edición facsímil do artista.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: