Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
17 DE MAIO

Todo o país celebra as Letras

Ademais dos actos institucionais, que mesmo saen fóra das fronteiras, hai unha serie de eventos organizados para celebrar este Día das Letras por parte de asociacións, colectivos, fundacións, centros de ensino, facultades, concellos... Sexa a través dos maratóns de lectura para achegármonos á figura de Manuel Lugrís, con xantares populares, ou demostrando as posibilidades de todos os estilos de música en galego, do Bierzo a Ponteceso, de Ferrol a Trazo, Galiza enteira fai unha festa da nosa lingua.

- 21:38 16/05/2006
Tags:

Pola lingua
A cidadanía reúnese en manifestacións e actos diversos para reivindicar a normalización da nosa lingua: a Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha manifestación para o día 17, saíndo ás 12:00 da Alameda. O lema deste ano é a prol do cambio de status da lingua no Estatuto: "Porque temos, porque queremos, porque debemos." Despois de remataren a marcha, comezará a Festa da Lingua coa que colaboran a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Consellaría de Innovación e Industria e a Concellaría de Cultura do Concello. De catro a oito da tarde, a Praza do Toural e a Alameda compostelán vanse encher de obradoiros de internet e xogos tradicionais, animación de rúa e á lectura, teatro, música, contacontos e postos de librarías da cidade. Tamén chegan á cidade os cibercamións de A Cultura Circula. Ademais, ás 19:00 poderemos ver Historia dunha semente, unha preciosa montaxe do grupo de teatro infantil Caramuxo, e ás oito escoitaremos ao cantor Emilio Rúa.

Por outra parte, o Festival da Língua Em movimento terá lugar en Oleiros o vindeiro sábado 20, coma unha iniciativa de AGAL, Novas da Galiza e o Movimento Defesa da Língua (MDL), coa colaboración do Concello de Oleiros: concertos, debates, cinema, actos na rúa, «feira das palavras e as ideias» coa colaboración de medios, radios libres, grupos musicais, centros sociais, editoras, etc.

Tamén na Rede
Continúan as propostas para celebrar a confluencia de lingua e novas tecnoloxías: Día das Letras e Día de Internet, o 17 de maio xa ten un portal de seu, e outro no que convive a tecnoloxía coa defensa da lingua: Máis internet, máis galego, máis futuro. Pola súa banda, a Ciberirmandade da Fala propón achegármonos ao día de San Jordi catalán, o 23 de abril, no que se agasalla cunha rosa e un libro. Pero coa flora autóctona: un libro e un toxo en flor son o agasallo perfecto para o 17 de maio. Entrementres, Fillos de Galicia vén de convocar Cen acentos, cen cores, unha iniciativa que pretende poñer na rede un mosaico das voces galegas con todos os acentos nos que se fala a nosa lingua no mundo. Aínda se poden enviar propostas en mp3,e tamén gozar do documental de Manuel Lugrís Freire, un documento audiovisual de 10 minutos que se pode ver na páxina.

Dende as Universidades
A Universidade da Coruña celebra paralelamente o Día das Letras e o Día de Internet: a profesora Teresa López presentará o martes 16 de maio, logo da apertura dos actos a cargo do reitor, José María Barja, unha reprodución facsimilar do conto inédito de Manuel Lugrís Freire "A funcionaria." Ás 20:00 horas, no Paraninfo da Maestranza, dará unha conferencia o neto do autor, Manuel Lugrís Rodríguez, e o grupo Nordestin@s (as vocalistas Guadi Galego e Ugia Pedreira e o pianista de jazz Abe Rábade) ofrecerá un concerto.

No campus de Ferrol, a presentación será ás 19:00 do martes 23, tamén co intervención de Manuel Lugrís Rodríguez e un concerto de Guadi Galego e Guillermo Fernández, de Berrogüetto, presentando o disco do dúo, Espido.
Ademais, a Facultade de Filoloxía da Coruña homenaxea ás letras coa conferencia de Francisco Pillado, "Manuel Lugrís Freire, unha vida ao servizo de Galiza", no salón de graos do centro ás 12:30 do martes 16. No mesmo lugar á mesma hora, o xoves 18 de maio lerase o fallo do XIII Premio de Creación Literaria e Ensaio, organizado pola Facultade, coa presenza da escritora Luz Pozo Garza.

E tampouco se pode esquecer que é tamén o Día de internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información: a Facultade de Informática do mesmo campus celebra o 17 cunha xornada de software libre organizada pola Consellaría de Innovación e Industria e as tres universidades. A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Xunta de Galicia, Elena Veiguela, o enxeñeiro Marcelo D’Elia Branco, director da Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre, Christopher Wellwig, o profesor de Houston Ernst Leiss, e Jaime Villate Matiz, da Universidade de Porto, reflexionarán sobre o uso do software libre ao longo do día.

A Universidade de Santiago celebra tamén un acto literario o xoves 18 ás 12:00, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.E baixo o título de Semana das Letras, varios colectivos de estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organizan un amplo programa de actividades: dende concertos até conferencias, debates e unha homenaxe a Manuel Lugrís. A aula B3 acolle o martes 16, a partir das 11 da mañá, unha conferencia de Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Vigo. Pola tarde o poeta e profesor Anxo Angueira homenaxeará a Lugrís Freire, e despois exporanse as propostas para a salvagarda do patrimonio inmaterial e actuará o grupo Airiños. O xoves clausurarase este programa cunha conferencia de Gonzalo Navaza sobre os preconceptos arredor dos galegos na historia, coa actuación musical d’O Ghaiteiro e cunha charla sobre o xornalismo en galego cos representantes d'A Peneira, Novas de Galiza, o Portal Galego de Língua e Frontera Notícias. Ademais, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra organiza para a semana que vén o III Resaka das Letras. Este ano non será un certame, pero haberá conferencias de expertos nas páxinas web en galego. Serán o martes 23 ás 16:15, no Salón de Graos.

Nas cidades:
Ademais da Festa da Lingua, a Gentalha do Pichel continúa cos actos que comezaron o sábado, coa Festa do Dezasete (que se fai o Trece). Desta volta, o día 17 comezará ás 14:00 cun xantar pola lingua, con churrasco e verduras á grella. Ás catro sortearán a cesta con produtos gastronómicos, premio do seu concurso de adiviñas, e a seguir comezará unha ruada normalizadora que rematará en foliada. Tamén organizan, en colaboración co Cineclube Compostela, unha noite de curtametraxes o luns 15.
E a tarde-noite do 16, o Foro da Mocidade de Compostela celebrará o seu IV Concerto pola Lingua. A partir das sete e media pasarán polo escenario da Alameda Noise Project, Brazukas, O Leo i Arremecághona!!!, Redullos, The Homens e Loretta Martin.

Outros actos previstos para Compostela son as actividades lúdicas en torno a Lugrís Freire da Biblioteca Caja Madrid, para a mañá do 17, a venta de libros de varias librarías na Praza do Toural, ou o maratón de lectura de Lugrís Freire, organizado pola Fundación Granell. O pazo de Bendaña acollerá, de 10:00 a 20:00, a todas as persoas que queiran ler ou escoitar a obra do autor. No Museo do Pobo Galego levan tamén dende o sábado homenaxeando ao autor, e ademais, o día 18 conmemórase tamén o Día Internacional dos Museos, polo que se fará un agasallo especial a toda a xente nova que visite o Museo ese día, cunha dedicación especial ás Letras Galegas.

Nas comarca de Compostela atopamos tamén actividades coma a XVI Feira do Libro de Brión, que integra 3 exposicións sobre a figura de Manuel Lugrís situadas na Casa de Cultura, no CEIP de Pedrouzos e no IES de Esparís. O día 16, no CEIP, actuará o grupo Mamá Cabra, para os nenos e nenas do colexio e os de todas as escolas infantiles do concello. Neste espectáculo musical habrá cancións para saltar, bailar, remar, animar a ler, reflexionar e gozar da poesía, dun xeito educativo e pedagóxico. O mesmo día, para os alumnos do IES de Esparís Viceso, haberá unha charla-coloquio da escritora Marilar Aleixandre. Xa o día 17 celebraranse na Carballeira de Brión e na Casa de Cultura o Día das Letras e o de Internet, cunha xornada de portas abertas á Rede na Aula de Informática de 9:00 a 21:00. O día 19 haberá un maratón de contos no CEIP de Pedrouzos, e o 24, un recital dramatizado sobre a figura de Manuel Lugrís a cargo de Serafín Marcos na Casa de Cultura. As actuacións rematarán coa conferencia de Xavier Campos na Biblioteca Municipal e reparto de libros sobre a biografía de Manuel Lugrís, o día 31.

E de Brión vamos a Trazo: no CPI Viaño Pequeno clausúrase a IIª Feira do Libro organizada polo Equipo de Normalización Lingüística, coa presenza de Quico Cadaval, que vén de presentar a Fundación Vía Galego, nada ao amparo da Mesapara conquerir espazos na lusofonía. A feira, co título "O Portugués: tan perto, tan lonxe", inaugurouse o pasado 25 de abril e péchase este xoves 18 de maio.

A Asociación Monte Branco-O Couto de Ponteceso ten tamén as súas xornadas de aproveitamento didáctico da música tradicional, o 15, 16, 18 e 19, os mesmos días cás actuacións de Carlos Blanco, Mofa e Befa, Volta e Dálle, Badius, Picompé e A Locomotora. O mesmo 17 celebran a Xornada Manuel María, coas actuacións dos Quinquilláns, a mostra do Libro Galego, o concerto de Mamá Cabra, un recital poético para escolares e o concerto de música infantil Escola na Rúa. Tamén haberá unha xornada de homenaxe a Mini e Mero da Quenlla, con recital poética e actuacións de Barallete, Os Tres Trebóns e A Quenlla, o día 21.

E a Asociación Cultural Cidade Vella da Coruña organiza para o 17 un cortexo cívico polas casas dos académicos que viviron no casco histórico da cidade. Na cidade herculina tamén se celebra o III Maratón de lectura do Colectivo Urbano Lugrís, que terá lugar na sede central da Fundación Caixa Galicia (Cantóns), das 16:00 ás 20:00. Con el lémbrase ao fundador e presidente da RAG, Manuel Lugrís Freire, contando coa presenza de escritores, políticos,sindicalistas, artistas e familiares de Lugrís (os concelleiros do BNG Henrique Tello, Margarida Vázquez e Mario López, Xurxo Souto, director programas da Radio Galega; Sara Vidal, cantante de Luar na Lubre...)

En Ponteareas, no local social Baiuca Vermelha celebran a III festa dos Maios organizada por Galeguiza o 17 de maio, e ademais, a partir das 15h terá lugar un xantar popular pola lingua con xamón asado e ensalada rusa, viño, pan, sobremesa, queimada, música, etc., por 7€.

Máis música en San Sadurniño: a Compañía do Ruído estarán na Sala Dzine a noite do 16. Ao mesmo tempo, Lamatumbá tocará no Museo de Arte Contemporánea da Unión Fenosa (MACUF), da Coruña, e na Sala Capitol compostelá teremos o festival "Linguas vivas," ás 20:30: Obrint Pas e Nao compoñen o cartel, representando o catalán e galego respectivamente. Os vascos Kuraia non poden asistir finalmente, pero gozaremos da diversidade lingüística e musical de todos os xeitos.

Alén de Pedrafita
E atravesamos os Ancares leoneses para chegar á comunidade lindeira galegofalante. A asociación Xarmenta do Bierzo prepara varias actividades en Ponferrada e Cacabelos: a exposición "O compromiso coa terra" sobre Manuel Lugrís Freire en Ponferrada, do 15 ao 19, actividades para o alumnado de secundaria e o de infantil e e primaria (encontros, proxeccións d'O soño dunha noite de San Xoán), a exposición "Castelao para nenos e nenas", cedida polo Concello de Pontevedra, en Cacabelos (tamén do 15 ao 19), e os actos do 17 en Cacabelos: contacontos co grupo berciano Vagalume xa ás 10:00, proxección de curtametraxes en galego ás 12:00 (A Escola das areas e Meigallos, sombras e papas de arroz), actuación da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e actuación do grupo de teatro Vagalume con dúas pezas teatrais, e ás sete, o espectáculo "Titiricircus" ao ar libre, na praza Maior do Concello de Cacabelos, a cargo de Tanxarina Títeres e mais a entrega dos "I Premios Xarmenta de Debuxo para escolares".

E dende o Bierzo para Galiza
Tamén dende o Bierzo, Fala Ceibe celebrou o Día das Letras xa o día 12, con actividades coma unha homenaxe aos escritores bercianos Aquilino Poncelas e Alícia Fonteboa, teatro, música con Abertal ou a participación dos poetas María Xosé Montero, Artur Novelhe, Concha Roussia ou Igor Lugrís. Desta vez veñen até Santaigo para participaren na manifestación do día 17 e leren o seu manifesto, e a seguir desprazaranse a Oleiros, para unírense ao festival "Em movimento."


0/5 (0 votos)