Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 10

Opulencia fronte suburbio

Agora o Sheraton quere construír precisamente nesa zona. Haberá indemnizacións para quen teña propiedade, pero o futuro das familias como a de Arada é incerto. Iso si, os ricos terán máis posibilidades de ficar nos seus mini bungalows de 4000 dólares. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:23 21/08/2006
Tags:

Unha e cen veces
Cada vez que unha muller chora ao falar dos seus problemas, superada, sinto como se fose a primeira vez. Non hai maneira de habituarse a ese sufrimento agoniante. Sento dentro dunha caixa de latón pola que Maburata paga 70 Birr (7 euros, unha fortuna para quen vive con menos de un dólar ao día) ao mes. A auga entra polas fendas. Aquí viven ela e os seus cinco fillos e fillas. Neste momento somos tres persoas e non sei como é posible que caiban tres máis.

Chora superada polas dificultades, porque o seu home morreu, porque ten que lavar roupa e vender carbón (e esta segunda actividade grazas a un microcrédito) para poder cubrir os seus gastos, para mandar ás nenas e nenos á escola. Nesta estación de choivas todo é máis caro, as vendas son menores. Todo son dificultades. As súas bágoas recórdanme aquelas primeiras visitas a Tiruchy, a esperanza do que vén despois, de contribuír a borrar esta desesperación, é o único que me mantén en pé nestes momentos.
Empresaria
Malia a ser analfabeta, Zisainish é unha empresaria de éxito. No seu caso só éra preciso un pequeno pulo, os dos primeiros 100 euros que lle permitiron mellorar o seu pequeno negocio de facer e vender injera (as tortas que constitúen a base da dieta etíope). O crédito deulle a posibilidade de mercar máis teff (o cereal de base), máis carbón ou leña, mellores utensilios. E a súa cabeza deulle para buscar clientes fixos nos restaurantes da zona. Un novo crédito e hoxe xa ten unha empregada porque non pode facer fronte a todos os encargos. Ás veces un pequeno pulo significa un mundo totalmente diferente.
Opulencia fronte suburbio
Cada día teño peor opinión do Sheraton. A súa opulencia resúltame insultante. Máis aínda cando Arada nos conta as súas dificultades vindeiras grazas ao emporio. Por se xa non fose pouco co accidente do seu home, agora discapacitado, e as dificultades de sacar adiante a familia (seis menores e dous adultos) co seu pequeno posto de verduras, agora a súa única vantaxa vese ameazada polo Sheraton. A vantaxa consiste na vivenda gobernamental que o kebele aluga por prezos moi baixos. A familia vive nunha casa decente, con espazo, teito e paredes sólidas e só pagan dous euros ao mes. Aínda así as contas non cadran e viven a expensas de familiares.

Agora o Sheraton quere construír precisamente nesa zona. Haberá indemnizacións para quen teña propiedade, pero o futuro das familias como a de Arada é incerto. Iso si, os ricos terán máis posibilidades de ficar nos seus mini bungalows de 4000 dólares. E aínda terán un departamento de responsabilidade social corporativa. Así son nosas amigas as multinacionais.





Anteriores:


0/5 (0 votos)