Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GALIZA CELEBRA O SAMAÍN

Noite de meigas...

En toda Galiza vai estar aberta a porta do Alén ao longo da noite do 31: estes días xa podemos ir preparando cabazos ou calacús, afinando as gaitas e encerando as pandeiretas, pensar como imos facer o disfrace e ir picando castañas para que non estouren no lume. Dende a xa devota costa ártabra, un dos primeiros lugares nos que se recuperou a tradición de celebraren o Samaín, até Ourense e Ponteareas, toda Galiza acolle noites de meigas estes días.

- 13:32 30/10/2006
Tags:

A Associaçom Cultural Galeguiza celebra en Ponteareas a segunda Festa do Samhaim. Esta asociación quere recuperar tradicións culturais propias de Galiza, como a lingua, a música popular, bailes, xogos, e, dende logo, festas. Xa organizaron os Maios, coincidindo coas Letras Galegas, e despois de celebraren a chegada da primavera, toca o proceso contrario. A noite do 31 agardan por nós grupos musicais: pandeiretas, gaiteiros, obradoiro de talla de cabazos e debuxos para facer unha exposición, xogos populares, castañas, viño, refrescos e queimada. A actividade comezará xa ás cinco da tarde na Praza Maior de Ponteareas. Tamén haberá un serán no Colexio da Inmaculada: Magosto, viño, licor café, empanadas e bocatas amenizados por gaitas e pandeiretas, a partir das nove e media da tarde.

En Ourense, os actos comezarán xa o luns ás cinco na Praza da Imprenta, cun Obradoiro de Manualidades relacionadas co Samaín. Neste Obradoiro, que se extenderá até as sete, produciranse materiais que percorrerán ao día seguinte as rúas do Ourense Vello na Procesión das cabazas. O martes, á mesma hora na mesma praza, toca decorar cabazas. A partir das sete, xa coas cabazas rematadas, e depois de apagar a iluminación pública, partirá da Praza da Imprenta unha procesión de cabazas, candeas, percusións e outros accesorios, unha Santa Compaña ben festeira, que rematará cunha festa popular na Praza do Ferro, coa participación da Aula de Música Tradicional Gomes Mouro. Ademais do Concello, participan a Asociación de Artesáns de Ourense, a Aula de Música tradicional Gomes Mouro, o Local Social A Esmorga e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, que se encarga de editar unha Unidade Didática realizada por Rafael López Loureiro, que se repartirá por todos os Centros de Ensino que o pidan.

Este martes, ademais, a Asociación Veciñal do Casco vello de Vigo celebra o seu primeiro Samaín, dedicado aos máis cativos, este martes. Na rúa Joaquín Yáñez (fronte a Biblioteca Central) haberá a partir das seis un obradoiro de decoración de calacús, e a partir das sete e media, contacontos de medo co grupo "Codia e Miolo", rodeados dos calacús acesos na praza.

E subimos á zona ferrolá... O Colectivo A Revolta ten preparado un programa completo para estes días: levan nove anos celebrando o Samaín. Xa este sábado montaron un magosto en Valdoviño, e agora aída queda o mellor: o martes, a partir das sete, obradoiro de cabazas, contos, música, castañas asadas, arenques, licor café... O barrio de Esteiro vaise encher de luces. Non lonxe, en San Sadurniño, a Sala DZine acolle a Noite Meiga, con Pepe Vaamonde Grupo e os Zirikollos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: