Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"MILITANCIA A PROL DA LEXÍTIMA CAUSA DE ISRAEL"

O vigués Gómez-Valadés será o primeiro presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel

A asemblea constituinte da Asociación Galega de Amizade con Israel, Agai, elixiu este luns o seu presidente. Os 61 participantes apoiaron a elección do vigués Pedro Gómez-Valadés González, do BNG, como primeiro presidente desta asociación plural que integra dirixentes, militantes e simpatizantes de diferentes formacións políticas. A Agai, defenderá o dereito do pobo de Israel a un Estado seguro e recoñecido internacionalmente ao lado doutro Estado palestino. Segundo os estatutos, a asociación animará "a todos os demócratas con ideas semellantes ás da organización para que fagan pública a súa militancia a prol da lexítima causa de Israel".

- 12:47 06/12/2006
Tags:

Traballar contra a banalización do Holocausto, brindar á sociedade galega información alternativa ao "pensamento único que domina os medios de comunicación ao respecto do conflito árabe-israelí", e crear foros de opinión e debate, tanto nos circuítos culturais do país como na rede de internet para contrarrestar a demonización de Israel e combater con argumentos o antisemitismo. Estas son as liñas básicas que traballará a Asociación Galega de Amizade con Israel, constituída esta semana nun acto celebrado na Confederación de Empresarios de Galiza en Santiago.

A asociación animará "a todos os demócratas afíns a que fagan pública á súa militancia a prol da lexítima causa de Israel, porque ese sempre foi o seu dereito e na actualidade comeza a ser o seu deber". A Agai comprométese a espallar o "inmenso legado ético e cultural do pobo xudeu polo que todo occidente segue en débeda con eles e a rehabilitar o pasado histórico dos xudeus no noso país para que ocupen o lugar que lles corresponde na sociedade galega actual".


5/5 (4 votos)