Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PREMIOS DA FACULTADE DE CIENCIAS SOCIAIS

A Resaka das Letras premia a Galipedia como mellor sitio web en galego

Para despedir as clases e, como colofón ás celebracións das Letras Galegas, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, a través das votacións emitidas polos onte mércores, distinguiu a dez espazos da rede galega polo seu "interese, orixinalidade e traballo pioneiro". Encabeza a lista dos premiados a Galipedia, que leva o 'G' de platino, seguida por Google e a súa versión galega e as web Galego.org e Páxinas.com. Levaron accésit este ano algúns vellos coñecidos do certame como tenda virtual de camisetas de Rei Zentolo -gañadora do máximo premio o ano pasado-, ou Vieiros -gañador na edición do 2004-; as webs corporativas da Universidade de Vigo e do Festival de Ortigueira, así como novas referencias da rede galega como o buscador de contidos Sinxelo e o sitio novas colaborativo Chuza!

- 17:53 01/06/2006
Tags:

As votacións ás mellores webs en galego son unha iniciativa creada no 2004 por docentes e estudantes da facultade para "recoñecer o labor dos proxectos que se desenvolven en galego na rede e felicitar as persoas que os fan posíbeis".

Na primeira edición o premio que recibe o nome de RdL (Rede das Letras, con referencia paralela ós festexos da Resaca das Letras) recaera no portal pioneiro da rede galega, Vieiros. Na segunda edición, celebrada o ano pasado, o premio único converteuse en Premios RdL nos que se galardoarían ata seis sitios web. O Premio Platino RdL 05 fora para a iniciativa comercial de ReiZentolo; o Ouro para Estrella Galicia; a Prata para a web da CRTVG e o Bronce para Yolanda Castaño. Recibiron tamén dúas distincións ex aequo a web do Concello de Pontevedra e a de musica folk e tradicional de Ghastas Pista.

Este ano as votacións efectuáronse sobre unha preselección de 100 webs feita polos estudantes de Redacción Publicitaria de 3º. Os enderezos electrónicos presentábanse clasificados en distintas categorías ás que ós votantes podían engadir as súas escollas particulares se estas non se encontraban na listaxe confeccionada na papeleta.

Na categoría de "Institucionais" a web máis votada foi a da Universidade de Vigo seguida da do Instituto Galego de Estatística. Na de "Axencias de publicidade e empresas de comunicación", as máis votadas foron a coruñesa MrMisto Films e a pontevedresa Artecnova. Na de "Culturais" a preferida polos votantes foi a do Festival de Ortigueira seguida da do Festiclown de Pontevedra. Na sección de "Educacionais e académicas" a máis votada foi a Wikipedia galega.

Como enciclopedia de acceso libre que é, a Galipedia converteuse, co seu espírito colaborativo, no fenómeno revelación dos proxectos de Internet dos últimos anos. A versión orixinal inglesa que data do 2001 supera xa o millón de artigos. A galega encetada no 2003 conta xa con 15.000 e sitúase, xunto coas versións doutras 32 linguas, entre as que superan o nivel das 10.000 entradas. Tendo en conta que hai unhas 6000 linguas no mundo, o galego e os colaboradores do proxecto están sen dúbida de noraboa e os votantes de Ciencias Sociais así o amosaron.

Na categoría de "Comerciais", ReiZentolo renovou o beneplácito da edición anterior seguida de Once Varas, tamén de camisetas e complementos. Entre as "Asociativas e políticas" a web máis valorada foi galego.org seguida de Galiza Nova. Yolanda Castaño repetiu tamén na de páxinas persoais seguida da iniciativa electoral de Anxo Quintana e o seu espazo quin2005. Os dous buscadores de contidos Páxinas e Sinxelo foron por esta orde as máis votadas no apartado de "Tecnoloxías da información" e Vieiros e Chuza na de "Webs informativas". Chuza, co seu segundo posto nesta categoría, aséntase como o proxecto recente máis innovador da rede galega. O seu sistema de novas con control editorial non xerárquico, similar por exemplo ó de shoutwire.com, permite ós usuarios daren a coñecer as novas que lles parezan máis relevantes e ó editor reseñar os seus contidos.


0/5 (0 votos)