Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DESCUBERTO POLOS LECTORES DE GALICIA OLÍMPICA

1924: Pedro Cea, primeiro ouro olímpico de Galicia

A final de fútbol dos Xogos de París 1924 desputárona as seleccións uruguaia e a suíza. Entre os charros estaba o futbolista redondelán Pedro Cea, xogador do Nacional de Montevideo. A vitoria uruguaia por 3-1 coroábao como o primeiro ouro olímpico galego, título que revalidaba, nos Xogos de Ámsterdam 1928.

- 12:57 24/08/2004
Tags:

Todo xurdiu dos foros dos lectores de Galicia Olímpica. Preguntábanse se non habería olímpicos galegos en seleccións que non fosen a española. Recente temos o caso de Ricardo Cabanas, de Carral, o único galego na Eurocopa 2004 vestindo a camisola de Suíza. Pero dos olímpicos galegos que competiron nos países da emigración pouco ou nada hai investigado. E decidimos iniciar as pescudas.

O técnico da área de Deportes da Universidade de Vigo, Gustavo Loureiro, ex-xogador de Celta (85-89) e Deportivo (89-92), púxose en contacto con Galicia Olímpica. Loureiro naceu en Montevideo, o equipo das súas cores é o Nacional, e ademais é cónsul deste clube en España, encargado de velar polo potenciamento da imaxe do equipo uruguaio e dos seus ex-xogadores no Estado. E confirmouno: Pedro Cea, o bicampión olímpico, nacera en Redondela.

Pedro Cea, dianteiro do Nacional, foi un dos xogadores máis importantes da historia de Uruguai. Bicampión olímpico en 1924 e 1928, campión do mundo en 1930, tricampión sudamericano en 1923, 1924 e 1926, e campión da Liga uruguaia en 1934 co Nacional. Nas Olimpíadas, xogou todos os partidos das fases finais de 1924 e 1928. En París Cea marcou un gol nas semifinais contra Holanda e outro contra Suíza na final. En Ámsterdam fixo un gol na final contra Italia en Ámsterdam.

Cea, que nacera o 1 de setembro de 1900 en Redondela, faleceu en 18 de setembro de 1970 en Montevideo. O seu cadáver foi velado na sede do Nacional. A Cea, curiosamente, chamábanlle o 'Vasquito'. A súa vida deportiva estivo inzada de éxitos. Foi, por exemplo, o primeiro futbolista que marcou nunha final olímpica e nunha final do Mundial. E tamén o primeiro que marcou na final dun Mundial, en 1930, contra Arxentina.

O Nacional é un dos dous grandes equipos do Uruguai, canda o Peñarol. O Nacional é, ademais, o equipo dos galegos do Uruguai, o que colleitou as maiores simpatías entre a nosa colectividade, que foi presidido entre 1955 e 1961 polo galego (quizais da Laracha, quizais de Carballo) Xosé Añón, ou que na actualidade ten como xerente ao pontevedrés Manuel Ucha. No Nacional tamén xogou o coruñés Walter Taibo. Este porteiro dos anos cincuenta e sesenta, "tiña tanta ilusión de xogar no Deportivo que cando veu co Nacional a Riazor, realizou o peor partido da súa vida polos nervios, e nunca foi fichado", conta Gustavo Loureiro.

A historia dos galegos e galegas que competiron con seleccións distintas da española está aínda sen escribir. Pedímosvos a colaboración para achegar os datos que teñades sobre Pedro Cea ou calquera outro olímpico galego. Vieiros comprométese a actualizar os seus datos en Galicia Olímpica e darlles difusión.


Ligazóns

0/5 (0 votos)