Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Un entremés galego descoñecido do século XVI

Por Antonio Cortijo Ocaña
Este texto de autor galego, non recuperado ata agora, con personaxes que falan en galego, aparece inserido nunha comedia cortesá en castelán en homenaxe ó arcebispo Rodrigo de Castro á súa chegada a Monforte de Lemos. O texto apareceu na Brancoft Library, en California. Antonio Cortijo Ocaña é profesor da University of California - Santa Barbara, e forma parte do seu Centro de Estudios Galegos.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

No meu labor de estudio e catálogo das obras medievais e renacentistas da Fernán Núñez Collection da Bancroft Library da Universidade de California (vid. infra), o estudio do volume 18 titulado Comedia de la sortija deparou unha grata sorpresa: (Vol. 18 [D-2]: Comedia de / la ynuencion de / la sortija en la veni / da a Monforte del / yllustrisimo Señor / don Rodrigo de Cas- / tro Arcobispo de Se / villa Carde / nal dela santa ygle / sia de Roma).

O volume contén a versión manuscrita dunha comedia anónima (de autor galego) que se representou co gallo da chegada do arcebispo don Rodrigo de Castro (1523-1600) a Monforte de Lemos, no ano 1593. De don Rodrigo de Castro consérvanse manuscritas a Officina propia sanctorum patriarchalis ecclesiae Hispalensis e diocesis, Hispali, ex typographia D. Josephi Padrino et Solis, 1788 (Palau y Dulcet, 199436) e mais as Constituciones del Arçobispado de Sevilla, copiladas, hechas y ordenadas por Rodrigo de Castro, Sevilla, Juan de León, 1591 (Escudero y Perosso, Tipografía hispalense, 778).

A festa celebraba a inauguración do Colexio de Xesuítas de Monforte de Lemos, patrocinado polo devandito arcebispo e cardeal Rodrigo de Castro. Aínda que nacera en Valladolid, desde pequeño viviu en Monforte e considerábase oriúndo de alí. En 1593, camiño a Santiago de Compostela para recibir o xubileo dese ano, fixo parada en Monforte para fundar o Colexio e asistir ás festas na súa honra.

A Comedia de la invención de la sortija é unha comedia de tipo cortesán e de celebración que é en realidade unha festa en dous actos representada en dous días consecutivos diante das autoridades locais e mais do arcebispo. Preséntanse en procesión as varias provincias e capitalidades galegas e van presentando as súas ofrendas, os seus emblemas e invencións perante determinadas figuras morais antes de "correr la sortija". Na primeira parte tamén se insire neste xogo escénico un entremés en actos ou escenas alternados que inclúen personaxes galegos populares que tamén queren "correr la sortija", aínda que acaban por ser enganados logo de varios insultos e pasaxes graciosas. Cómpre salientar, en especial, Quinolilla, tipo do bobo dos pasos ó Lope de Rueda ou Quiñones de Benavente.

Aínda que de seu a obra non ten máis importancia cá de testemuñar unha celebración festivo-cortesá (nesta ocasión de tipo relixioso, pois os emblemas, como requiría a ocasión, son todos de interpretación moral cristiá), destacan nela algúns episodios de poesía máis elevada (a obra está escrita nunha mestura de prosa e verso) e a escena do entremés (na parte primeira da obra), na que os personaxes falan en galego.

Na actualidade estou a preparar unha edición da comedia que dará conta das súas circunstancias de representación e das súas cualidades dramáticas de maior interese. Polo de agora quede constancia da pervivencia das letras galegas a comenzos do século XVII nun documento descoñecido deica agora e felizmente recuperado. Tamén existen varias obras súas manuscritas. Na edición que estamos a preparar daremos conta extensa destas, así como do labor de mecenas literario do arcebispo en Zamora, Cuenca e Sevilla.

Pola importancia deste paso entremesil cópianse na súa integridade os versos no artigo seguinte.

Antonio Cortijo Ocaña
La colección Fernán Núñez de la Bancroft Library. Catálogo y estudio.
London, Dept. of Hispanic Studies, Queen Mary & Westfield College, 2000.
ISBN 0 904166 63 9


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: