Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

...e trae o primeiro rol galego!!

Correlingua, a carreira lúdico-educativa polo galego, achega este ano ademais unha novidade fundamental: o primeiro xogo de rol en galego. Os xogos de rol son entretementos de dramatización e estratexia nas que os xogadores crean personaxes e fixan para eles características físicas, intelectuais e de relación. Con esas habilidades persoais e sociais deben conseguir un obxectivo, que varía entre os xogos: recuperar o anel do poder absoluto, vencer o Mal ou... falar o galego.

- 08:32 18/04/2002
Tags:

Os rapaces e rapazas teñen que escoller, coa axuda do dado e dun cuestionario previo, a súa personalidade: se teñen parella, se teñen fillos, se están tristes, se son hábiles para relacionarse... O educador actúa como director de xogo, animándoos a participar e a actuar. Ademais, se a misión dun director nun rol normal é poñer as probas e guiar o desenvolvemento, neste caso os educadores teñen o apoio dunhas tarxetas con retos e situacións, e dun taboleiro.

Pero o obxectivo do xogo é que o taboleiro e o contido das tarxetas sexan só o comezo dunha aventura, onde os mozos e as mozas deban enfrontarse a situacións de lingua dende diversas perspectivas: Maruxa é unha imigrante en Galicia, Ernesto será un estudiantes, Ionathan empregado nun comercio...

O autor do rol é o mestre e poeta Sechu Sende, que hai uns meses non sabía nada deste tipo de xogos. Pero participou en probas, falou con xente que participa neste tipo de xogos colectivos, púxose a traballar e sacouno para adiante. Sende leva tempo traballando en dinámicas sociolingüísticas nas aulas e pensou que o rol era un bo xeito de levar o Correlingua ao espacio dos centros.

As posibilidades de ampliación pasan pola creación de máis tarxetas con retos e situacións, aínda que cada director pode, no momento de xogar, propor obxectivos e probas novos, e por aumentar ou detallar a ficha de personaxe. Sende non cavila na posibilidade de facer un rol non lingüístico, pero non estaría nada mal poder pasar as tardes de domingo xogando a ser Merlín en Miranda, ou Galván en Saor, ou quizais o Piloto nos montes de Belesar. E todo iso, en galego.

Do rol do Correlingua vanse distribuír 7000 exemplares por todos os centros de ensino medio de Galicia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: