Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Carta do capitán do Prestige á ITF

Apostolos Mangouras remitiu unha carta á Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF), con sede en Londres, pedindo disculpas aos afectados pola catástrofe a agradecendo todas as mostras de apoio recibidas.

- 13:21 21/01/2003
Tags:

O meu nome é Apostolos Mangouras, cidadán grego e en extensión europeo, son o último capitán do Prestige, barco que desgraciadamente xace no fondo do océano.

Ante todo, desexo pedir disculpas a todos aqueles que se ven afectados ou prexudicados pola catástrofe. Sen embargo, quero poñer no seu coñecemento que ofrecín o máis preciado que ten unha persoa, que é a súa propia vida, permanecendo a bordo do meu barco (gravemente ferido) tratando con todas as miñas forzas de evitar a catástrofe.

Nacín nunha pequena illa do mar Exeo, chamada Icaria, na miña casa paterna abrazada polas ondas a escasos 100 metros da praia. Proveño dunha familia de tradición mariñeira e amo o mar tanto como a miña propia vida, de feito, a miña pel está impregnada de salitre.

Levo 44 anos en servicio activo, 32 como capitán, exclusivamente ao mando de petroleiros de desprazamento desde 60.000 ata 450.000 toneladas. O meu longo servicio como mariñeiro dotoume de moita experiencia sobre as artes do mar; son unha persoa moi responsable e tomo as decisións despois de maduralas na miña mente e non de xeito superfluo.

Actualmente resido en Atenas; a miña fortuna persoal componse dun apartamento, e o 70% dun automóbil compartido coa miña filla. Caquera que teña dúbidas, invítolle desde aquí a que investigue. O froito do traballo ao longo da miña vida está investido na educación e en facilitarlle un futuro aos meus fillos como calquera pai, e unha vez cumprido isto, retirareime do que ao longo da miña vida foi o meu gran amor: o mar, con recordos felices, e non coa amargura e a dor que sinto. Pasei as festas do Nadal (tan entrañables para a familia) pechado na cela do cárcere, nun país onde non coñecía a ninguén, e lonxe dos meus seres queridos, cun estigma que me acompañará durante toda a miña vida tanto a min como á miña familia.

Este estigma que mancha e pón en tela de xuízo a miña capacidade profesional e sentido de responsabilidade. Desexo a quen son os responsables da miña situación actual que nunca teñan a ocasión de sentir a dor, a impotencia e a soidade que eu sufrín e sufro durante todo este desgraciado proceso.

A miña intención ao redactar esta carta non é a de provocar a compasión; o motivo polo que escribo é o meu profundo desexo de agradecer desde o fondo do meu corazón o apoio e o interese (desinteresado) que me brindaron, polo afecto, a calor e a humanidade que me ofreceron e me ofrece o marabilloso pobo galego; os mariñeiros de toda clase e rango; a unión dos capitáns da Mariña Mercante; a unión dos maquinistas da Mariña Mercante de Galicia; a unión dos capitáns da Mariña Mercante vascos; la unión dos capitáns da Mariña Mercante de Francia; os pescadores da unión Aetinape; profesores, profesoras e alumnos da esola da Mariña Mercante da Coruña; a Federación Internacional dos Traballadores do Transporte (ITF); a profesora Teresa de Santiago; a profesora de enxeñería naval Blanca Parga de Madrid; o señor Romero Fernández.

A todos os que me escribiron cartas de ánimo e me felicitaron as pascuas (devólvolles as felicitacións), os que me enviaron telegramas, a prensa, os redactores, os comentaristas que me apoiaron cos seus escritos,e os que piden a miña liberación.

O meu agradecemento vai tamén para o departamento da policía da Coruña, que durante o primeiro interrogatorio o comportamento dos seus axentes foi impecable (aínda que polas circunstancias de nerviosismo e cansancio, o meu no foi así); para os policías que me custodiaron durante os traslados do cárcere para A Coruña e Corcubión, polo seu alto nivel de humanidade.

Tamén quero dar as gracias aos internos e gardas dos módulos 4 e 11 da penitenciaria de Teixeiro, polo apoio e a calor que me rodearon nos momentos más difíciles do meu illamento e soidade, conseguindo levantar a miña moral e a miña humillada dignidade como ser humano.

A miña única queixa e á vez a miña única pregunta é que, se non son ladrón, ni un asasino, ni un narcotraficante, ni un terrorista, en fin, que non cometín ningún crime (simplemente son un náufrago, e a palabra ten moito significado para os que pelexamos co mar), entón, ¿por qué estou no cárcere? Ademais, pregunto aos que entenden de leis: ¿non é xusto que a fianza sexa proporcional ás posibilidades económicas do presunto infractor para conseguir a liberdade condicional?

Estou preso desde o día 15 de novembro de 2002, algo que considero inxusto; sen embargo, creo na xustiza deste país, cálido, nobre e hospitalario, que coñece máis que ningún outro o significado da liberdade; pero sobre todo creo no alto sentido de xustiza deste pobo que sabe que teño a razón, e se a teño, daranma devolvéndome a miña liberdade o antes posible.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: