Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Só un 20% das mulleres maltratadas denuncian

"(...) Se volvera a nacer non o tería consentido pero antes que podía facer eu, que podía facer unha muller". Quen así fala é unha muller de sesenta anos que sufriu malos tratos desde pouco despois de casar ata que quedou viúva. O sofrimento pode chegar a ser tanto e tan intenso que pouco a pouco se vai perdendo o senso da propia vida, do propio ser e, ás veces en voz alta, pero a maioría en silencio suplicas que acabe todo, que "a morte te leve con ela".

- 10:50 26/02/1999
Tags:

Sen embargo, no caso desta muller denunciar hoxe perante as institucións pertinentes a súa situación non sería máis que a punta dun iceberg. A maioría das agresións que se producen no ámbito doméstico non saen á luz pública, quedan ocultas nas paredes da casa e no rostro das mulleres que con amargura e impotencia aturan malleiras, insultos, violacións, acosos. Cando unha muller decide denunciar leva tras de si anos de sofrimento. Sexa polos fillos, por vergoña ou por medo, o certo é, segundo dados da Asesoría da Muller de CC.OO. de Pontevedra, que só un 20% de mulleres denuncia os malos tratos, aínda que se comeza a percibir un tímido cambio nos últimos anos. Conchi Fernández, directora da casa de acollida de Pontevedra, afirma que agora as mulleres acoden antes en busca de axuda, que teñen un menor número de fillos e que aumenta a porcentaxe de mulleres sen cargas familiares. Hai que romper un mito: tradicionalmente interiorízase a idea de que soen ser maltratadas mulleres cun escaso nivel cultural e económico. Sen embargo a realidade móstranos o errado desta idea. Tódalas fontes consultadas falan da inexistencia dun perfil ríxido pois esta problemática afecta a mulleres de todo tipo de condición social. A directora da casa de acollida de Pontevedra insiste ademáis no perigo que supón establecer un perfil tanto da muller maltratada como do agresor, xa que o nivel económico e cultural é variable en ambos sexos, e parece que, en certa medida establecer un prototipo de muller maltratada " indirectamente leva a excluir ás que non responden a el". A Asemblea de Mulleres de Pontevedra segue a reivindicar a necesidade de que o concello cree un centro de asesoramento con personal especializado e en locais da propia institución, desvinculado de calquera partido político ou organización sindical. No local de CC.OO. existe, desde hai catro anos, un centro de Asesoría da Muller, onde calquera pode ir a solicitar e recibir información. Segundo a avogada do centro, a media representativa das mulleres que acoden estaría entre 30 e 45 anos, nivel cultural baixo e con fillos ao seu cargo. A maioría preséntanse solicitando información e por problemas de malos tratos despois de anos de aturalos. Pero non todas dan o paso de denunciar a agresión. En maio do 96 entrou en vigor o novo Código Penal que parte da existencia de tres elementos para poder falar de malos tratos: que se produza no ámbito da familia, que exista habitualidade e que se exerza violencia física. O feito de acabaren moitas agresións en morte (en Galicia no último ano rexistráronse tres) ou as ameazas constantes que impiden á muller refacer a súa vida dun xeito digno e sen presión (caso da muller de Estribela que denunciou ao seu ex ñmarido por intento de atropelo e ameazas) levou ao goberno, presionado por diversos colectivos feministas e sociais, a elaborar un Plan de Acción contra a Violencia Doméstica, dándoselle ademáis protagonismo á figura do desterro ou extrañamento, consistente na "privación do dereito (para o agresor) de residir en determinados lugares ou acudir a eles por un tempo" que pode ser de ata tres anos. Esta pena ten sentido no caso de que corra perigo a integridade física da muller. Pontevedra conta desde o ano 1990 cunha casa de acollida para mulleres maltratadas xestionada por Cáritas e subvencionada pola Xunta de Galicia. Así, esta cidade resulta practicamente a única ao seu nivel que non conta cunha casa de acollida laica xestionada por institucións públicas segundo conta unha asistente social. O requisito imprescindible para poder acceder a ela é ter presentado unha denuncia por malos tratos no núcleo da convivencia familiar. O tempo de permanencia nestas casas varía. Na de Pontevedra segundo explica a directora, non hai un límite establecido procurándose que cando unha muller "saia teña resoltos os problemas legais (separación, custodia dos fillos,...) e económicos (atopar un traballo ou unha vivenda)". Algunhas mulleres de Pontevedra prefiren ser trasladadas a centros de acollida doutras cidades por medo ao seu agresor ao sentírense máis seguras canto máis lonxe. A casa de acollida de Pontevedra conta con personal especializado, como psicólogas, asistentes sociais, e é frecuente a realización de terapias tanto de grupo como individuais xa que o trauma máis difícil e que leva máis tempo de superar é o psicolóxico. ". coma un pozo ao que nunca chegas a verlle a saída". A maioría das mulleres que se atopan nesta situación soñaron outra ben distinta, coidaban que a vida sempre abre horizontes e que chegaría o día no que os problemas se arranxasen. Así, ao principio, é como se lastimase máis as senrazóns que os golpes, pero os golpes acumúlanse no corpo e acaban "por secar a alma" e a soedade entra nunha e instálanse non queréndose ir, e as cousas que se din no medio "quedan dentro para sempre"; "es unha burra", "non vales para nada", "ti que saberás", "nin isto sabes facer",... son exemplos suaves de expresións máis violentas que se chegan a asumir de tal xeito que a razón perde todo o seu sentido porque chegas a pensar realmente que non vales nada. Por iso a maioría de mulleres maltratadas teñen a autoestima tan baixa que poden tardar toda unha vida en recuperala.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: