Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Bush tamén vai por Irán, Iraq e Corea do Norte

George Bush faloulle onte aos norteamericanos en termos case apocalípticos: "A nosa guerra contra o terrorismo acaba de principiar" e agora o seu novo obxectivo son estes tres países: Irán, Iraq e Corea do Norte, que son, nas súas palabras, "o eixo do diaño", expresión que unha vez utilizou Estados Unidos para referirse á alianza de Alemaña, Italia e Xapón durante a II Guerra Mundial. Estas duras afirmacións, realizadas nunha linguaxe forte, tal e como asegura The New York Times, confirman o que moita xente temía: esta vai ser unha guerra longa e non vai dirixirse soamente contra os organizacións terroristas, senón tamén contra "calquera estado hostil que teña armas de destrucción masiva". Para afrontar esta loita, Bush anunciou un importante aumento do orzamento para cuestións militares. O director do IGADI, Xulio Ríos, considera que estas declaracións de Bush constitúen "unha evidencia do delirio militarista da Administración americana". Vexan a súa análise da situación...

- 10:49 30/01/2002
Tags:

O director do IGADI, Xulio Ríos, considera que as declaracións de George W. Bush no discurso á Nación constitúen "unha evidencia do delirio militarista da Administración americana". A política exterior de Estados Unidos representa hoxe unha grave ameaza para a paz mundial, asegura. Segundo di este analista internacional, Washington pretende aproveitar a crise xurdida a partir do 11-S para "reforzar a súa hexemonía no mundo que non podendo ser económica nin moral, por forza ten que acudir á vía militar". E engade: "a Casa Branca aspira a substituír a diplomacia pola maquinaria do Pentágono para saldar vellas débedas e acadar obxectivos políticos".

O orzamento militar USA supera o 40 por cento dos orzamentos militares de todos os países do mundo e Bush quere aínda incrementalos. "Velaí o que agocha a careta do McDonalds e a Cocacola", asegura o director do Igadi, quen chama a atención sobre a falacia da coalición internacional contra o terrorismo. "A Casa Branca non discute os seus plans con ninguén porque o que está en xogo son os seus intereses e non a preservación da paz e a seguridade internacionais".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: