Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Taiwán, fabricar un país

“Dragón asiático” por excelencia, á República de China cústalle crear o seu propio país e comproba con tristura como algo tan relativamente fácil para os máis pobres (Timor Lorosae, recentemente) non está ao seu alcance pese a formar parte da familia espacial (cun satélite en órbita dende 1999) e contar cun PNB per cápita de case quince mil dólares e unhas reservas de divisas estranxeiras de máis de cen mil millóns de dólares. Non basta o diñeiro para fabricar un país. Un artigo de Xulio Ríos, director do IGADI(Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)

- 10:57 31/07/2002
Tags:

Non é doado recoñecer a China en Taiwán. O milenarismo tradicional a penas pode asomar a súa faciana entres urbes modernas e desenvolvidas que impoñen un ritmo frenético a unha existencia que se mide en productividade. O Informe de competitividade global do Foro de Davos catalogaba en 1999 a Taiwán como o cuarto país máis competitivo do mundo. Dende 1995, Taiwán é un dos catro principais productores de hardware de tecnoloxía da información. En medio dunha calor tórrida que se resiste a licuar a enorme humidade do ambiente, as escenas da vida cotiá en Taipei obrigan a pensar seriamente sobre o futuro das transformacións que vive o continente. Son moitos os analistas da República Popular que insisten no modelo taiwanés como referente dos cambios que se promoven en Beijing. A titulo preventivo, na patria de Mao, pero tamén de Sun Yat-sen, deben tomar boa nota dos esforzos de Taiwán para protexer o medio ambiente ou dignificar sen destruír todo o patrimonio cultural, cuestións ámbalas dúas que poden ser consideradas a tempo.

As tribos primitivas das chairas ou os aborixes pingpu deixaron de existir. Outras como os atayal, saisiyat, bunun, tsou, paiwan, rukai, puyuma, ami, yami, en 1997 superaban a penas os 389.900 habitantes, segundo datos oficiais. A inmigración Han foi moi forte nos tres últimos séculos, tanto de Fujian (fukineses) como de Guangdong (hakka). Ámbolos grupos conforman o 85 por cento da poboación, case 22 millóns de habitantes, sendo os primeiros tres veces superiores en número ós segundos. Moitos letreiros urbanos están en ámbalas linguas, hakka e chinés, ademais de inglés.

Taipei é unha cidade dura de día, pero transformada de noite nun alegre espectáculo de mercadiños nos que a sandía (ao natural, en zume, con xeo) é a estrela. Presidida polo Gran Hotel, unha magnífica construcción ao estilo tradicional propiedade do Kuomintang, edificado, por certo, con excelentes pezas de granito rosa porriño, a súa ubicación nun outeiro permítelle divisar o conxunto desta cidade-scalextric, no que a optimización do espacio impón o traslado dos cemiterios ás ladeiras dunhas montañas frondosas nas que se pode degustar un magnífico té verde mentres a auga se deposita paseniñamente sobre a abundante vexetación.

Os edificios son baixos, con pequenas excepcións. Non se albiscan secuelas do gran terremoto -7,3 grados na escala de Richter- que sacudiu o centro de Taiwán en setembro de 1999, causando máis de 2.300 mortos e grandes danos materiais. Non sería o último. A finais deste marzo, outro sismo, este de 6,8, provocou o colapso de varios edificios en Taipei e cinco mortos, ademais de numerosos feridos. Durante a miña estadía, un largo minuto de tremor -6,2- obrigaba a suspender o transporte por ferrocarril e as emisións por televisión.

Con todo, o que máis sorprende e se agradece é a paisaxe natural. Case o 20 por cento da superficie de Taiwán forma parte dun sistema múltiple de conservación que inclúe seis parques nacionais, dezanove reservas naturais, nove reservas forestais e trece refuxios de vida salvaxe. Esa admiración pola natureza cristaliza nunha conducta cidadá que utiliza calquera escusa para agasallar con flores, un elemento indispensable en toda celebración pública ou privada.

¿Unha China en pequeno?

“Estamos orgullosos do país que construímos”, dime Frederick Chang, viceministro da Oficina de Información do Goberno e, probablemente, un dos poucos cidadáns que dominan o latín nestas latitudes. Á par do desenvolvemento, observas a orde e a vertebración social en mil detalles: as motos ben aparcadas nas beirarrúas -esta non é a China das bicicletas-, os semáforos que van descontando os segundos que che quedan para cruzar o paso de peóns, o servicio de lentes nos bancos con indicación de dioptrías para os clientes, os pais que fan quenda para acompañar ao colectivo escolar cada día ao saíren da escola... Recoñeces a China máis tradicional nesta disciplina confuciana, pero tamén na prensa e na escritura. A maior parte dos xornais en chinés escriben os seus caracteres de arriba a abaixo, de dereita a esquerda.

Nalgunhas librarías podes atopar reproduccións magníficas de tomos das antigas dinastías, editadas á maneira tradicional, prego a prego. Nas miñas mans tiven algúns exemplares orixinais que se conservan aínda no Tien Educational Centre. Alí, un xesuíta galego, Andrés Díaz de Rábago, que “fala correntemente o portugués”, mima estas xoias con delicadeza e respecto, ao tempo que segue a actualidade do país cos amigos do Instituto Ricci, onde Benoît Vermander conclúe os seus magníficos traballos sobre relixión mentres dá unhas pinceladas vocacionais á súa caligrafía chinesa.

No Museo do Palacio, en Wai Shuang Hsi, ás aforas de Taipei, exhíbense numerosos exemplares das primeiras manifestacións de escritura chinesa en ósos e cunchas de tartarugas, xunto ás caligrafías de Wang Hsi Chic, da dinastía Qin oriental (317-420) e numerosos exemplares dos máis famosos calígrafos das dinastías Tang, Sung, Yuan, Ming e Qing. Tanto a pintura como a caligrafía constitúen as coleccións máis numerosas, completas e famosas do Museo, segundo me comenta Maria Fernanda Lochschmidt, unha brasileira que leva varios anos instalada en Taipei adscrita aos servicios como guía, entre reflexións compartidas sobre os galegos de Brasil, o futuro do Mercosur e a probable victoria de Lula da Silva nos rifados comicios do próximo outono.

O Museo construíuse en 1965 e logo foise ampliando. É a expresión dun esforzo con sentido: Taiwán quere ser unha China en pequeno, moito máis que a simple Taiwán, compite co continente na definición dos símbolos de identidade. En definitiva, que China tamén se pode coñecer en Taiwán. En Tainan, por exemplo, atopamos un Templo de Confucio, das Cinco Concubinas Imperiais do emperador Nin-Chin, templos budistas, etc., case sempre construídos en épocas recentes. Non é o caso dos Fortes Zelanda e Provintia que datan da ocupación holandesa do século XVII, época tamén do heroe local, Cheng Cheng-kung, máis coñecido por Koxinga, que logrou expulsar os holandeses do extremo sur da illa, baténdose en retirada despois de fracasar no seu intento de resistencia contra a dinastía Qing ao longo das costas de China continental. Transformou unha derrota en victoria, como faría Mao na Longa Marcha case 300 anos despois.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: