Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Evaristo Correa Calderón: vangardismo e galeguismo

Por Xulio Pardo de Neyra
Doutor en Filoloxía e autor de varios estudios literarios e históricos.
:: Resumo da súa tese de doutoramento defendida na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela e dirixida por Anxo Tarrío.

- 03:17 03/10/2002
Tags:

Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo é un traballo que naceu debido ao descoñecemento que a crítica e a historia da literatura galega botaron derriba da figura dun dos seus escritores máis activos, senlleiros e comprometidos, do período anterior á guerra civil. Ben certo é que a imaxe de Evaristo Correa Calderón que temos máis preto é a dun hispanista alleo a calquera preocupación cultural e nacionalista sobre o feito galego. Isto non pode servir como argumento de esquecemento para o interesante pasado de quen foi un dos piares da literatura e do movemento nacionalista galegos a comezos do século XX, eminentemente un século de cambios. Porque máis que ningún outro intelectual galego, Correa Calderón sentiu a chamada do novecentos.

O traballo ábrese cunha sucinta biografía do escritor, útil para situar a súa familia e a súa figura. Ademais dun corpo bibliográfico significativo para coñecer o ambiente de Lugo no tránsito de século, baixo este epígrafe está un labor de investigación sustentado tanto no Arquivo Histórico Diocesano como no do Instituto de Ensinanza Media “Lucus Augusti” de Lugo, onde impartiron aulas o Dr. Correa e o seu fillo Evaristo, un home que, salvando as distancias xeográficas, procedía do mesmo status socioeconómico có dos homes do grupo Nós. Correa, como Risco, como Otero Pedrayo, Rodríguez Sanjurjo ou Noguerol Buján, naceu no seo dunha familia de suficientes recursos económicos rendeiros. Con eles, ademais dunha semellante esfera cultural familiar, Correa compartiu a procedencia xeográfica dunha cidade levítica e dominada polo clero. Neste sentido, Lugo, a súa cidade de adopción, como Ourense, a comezos do século XX era un espacio controlado polas badaladas das súas igrexas, onde se daban cita os notábeis, que ían recibir o asentimento das faldras sacras.

Dentro do segundo apartado, relativo ao seu período de formación e ingreso nas letras galegas, o epígrafe do ambiente intelectual lucense descobre unha cidade galega tradicionalista na que, sen embargo, o interese cultural facía dela unha das prazas máis vivas do territorio galego. Neste punto, ademais de valorar a súa realidade ideolóxica, tentouse trazar un percorrido que se detivese na esfera cultural na que de forma temperá comezou a salientar o labor dun incipiente redactor xornalístico Correa Calderón. Pero antes deste labor valorouse a participación tanto de Correa como do seu pai en diferentes medios lucenses. Neste eido é onde se atopan as noticias referidas ás pequenas tentativas xornalísticas do Evaristo Correa adolescente.

Foi durante a súa primeira etapa como redactor de La Idea Moderna, xa “Diario monárquico” e xornal que a comezos do século XX máis atención prestaba en Lugo á cultura, cando coincidiu coas figuras máis representativas dos orbes español e galego, o que o levou a integrarse na nómina da intelectualidade rexionalista de Galiza. Neste intre foi gañado para o galeguismo proto-nacionalista e pouco despois el mesmo será quen de axudar a consolidar o propio nacionalismo lucense, fundando a Irmandade da Fala de Lugo e organizando a primeira asemblea nacionalista da Historia de Galiza.

1917 foi un ano emblemático na traxectoria de Evaristo Correa Calderón. Ademais de seguir exercendo a xefatura de redacción de La Idea Moderna, na que levou a primeira “Páxina Nazonalista” de Galiza, accedeu á nómina de colaboradores do boletín coruñés A Nosa Terra. Tamén nese tempo asentou en Madrid, cidade na que foi gañado para o vangardismo emerxente. Por iso, o seguinte epígrafe do traballo recolle a viaxe vangardista de Correa Calderón polos cenáculos madrileños, nos que, a carón da esfera máis granada dos vangardistas españois, se constituíu como unha das súas asiduas figuras literarias. Na capital española non só aproveitou para se somerxer nas por entón derradeiras tendencias estéticas literarias senón que tamén potenciou e consolidou o asociacionismo galeguista nacionalista a través da Mocedade Céltiga de Madrid. Neste período salientou de seu como unha das plumas colaboradoras dos máis prestixiosos xornais madrileños e, á par, comezou a súa breve relación coa asa ideolóxica de Nueva España, a do socialismo de Rodrigo Soriano, director de España Nueva.

A continuación delimitouse o deseño do vangardismo correano, que constitúe a primeira tentativa vangardista da historia da literatura galega. Dende 1917, ano no que comezou a escrita dos seus “Poemas sinxelos” dende a emblemática Residencia de Estudiantes de El Pinar, Correa foi o encargado de dar forma as novas tendencias estéticas en clave galega. Sempre enarborando unha bandeira que se traducía como a chamada do novecentos, cuestión que herdaba do maxisterio de Rafael Cansinos Assens, unha das máis activas e interesantes figuras da literatura española deste período, Correa soubo conxugar vangarda e tradición ó máis puro estilo ultraísta. Características modernistas, post-simbolistas, decadentistas, exotistas, bohemias, clasicistas e juanramonianas, vangardistas e anunciadoras do próximo neopopularismo español, percorren o feixe lírico dos seus “Poemas sinxelos”, que se presenta como o primeiro corpo poético da vangarda galega. Nesta época foi cando Correa se ocupou por recalar nos diferentes portos da vangarda madrileña, dende o Café de Pombo ata o Café Colonial, pasando polos cenáculos do Gran Café de Atocha, o Salón de Té La Granja del Henar ou o Café del Prado, lugares nos que se xerou a estética da arte nova que caracterizou o facer do grupo intelectual de Barradas, Jarnés, Moreno Villa, Mallo, Gómez de la Serna, Cansinos ou Huidobro, a quen coñeceu persoalmente e do que aprendeu o creacionismo recentemente importado en España.

Tras a experiencia madrileña, unha vez superada a veleidade ultraísta, en 1923 Correa regresa a Lugo. Un ano despois dá luz verde a Ronsel, un medio polo que a cidade das murallas romanas se converteu no porto máis destacado da vangarda galega, malia que tempo despois el mesmo o negase. Unha vez acadada a titulación universitaria (dende 1927 foi licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela en Filosofía e Letras, sección de Historia), Evaristo marchou a Toulouse e Bucarest. Dende a primeira destas cidades accedeu aos faladoiros de Breton e Aragon en Montparnasse, o que o fixo coñecer de preto a xestación do segundo manifesto surrealista francés. Logo de analizar tanto a empresa xornalística lucense coma a súa editorial, que na tese se cualifica como "proxecto Ronsel", así como a presencia de Correa Calderón en diferentes medios europeos e americanos (Manomètre, Transit, Proa e Amauta), o seguinte epígrafe aproxima o seu labor xornalístico en La Gaceta Literaria, a revista que Giménez Caballero fundou en 1927, o mesmo ano no que Correa publicaba o primeiro conto infantil da literatura galega, Margarida a da sorrisa d’aurora. Despois da análise do significado da empresa Ronsel abordouse a presencia de Correa en diferentes medios de Galiza, onde, sen dúbida, o seu paso por El Pueblo Gallego de Vigo significa un dos máis extensos labores xornalísticos da intelectualidade galega daquel período. É ese o tempo no que Correa se integrou no Seminario de Estudos Galegos de Compostela.

En La Gaceta Literaria descóbrese a "segunda cara do lusitanismo" de Correa Calderón. Nela, Galiza xa non aparecía como espello de Portugal, nación á que se debía. Porque segundo esta onda, Galiza pasaba a ser unha ponte entre España e Portugal, na que, sen embargo, deixaba de ocupar carta de predominancia diante do que anteriormente era para el o perigoso avance castelanizante, o motivo de maior recorrencia no primeiro nacionalismo de Galiza. O apartado seguinte ocúpao a análise de Vanguardia Gallega, unha das máis sobranceiras experiencias do xornalismo republicano de Galiza. O epígrafe que segue refire a xestación e o nacemento do marbete "nova xeración galega", que, sen embargo, segundo a miña opinión, agora convén trocar polo de "xeración da vangarda", unha etiqueta que reúne as características anteriormente expostas por Bal y Gay, Méndez Ferrín e López-Casanova nas súas "xeración de 1925" e "xeración de 1922", parcialmente exposta por Teresa López, e que se traduce no interese literario amosado por Correa Calderón dende a súa posición como organizador da cultura galega dos anos vinte.

Pese a isto, todo este labor como incitador, organizador, cabeza de xeración e motor de arrinque e consolidación do nacionalismo lucense de comezos do século XX, foi escurecido en 1936, ano no que se ben xa levaba tempo afastado do proxecto cultural do galeguismo do primeiro tercio de século, pasou a engrosar a nómina de intelectuais afectos co réxime dos militares insurxentes. O mesmo día da sublevación, Correa afiliouse a Falange Española, comezando dende este momento un imparábel periplo que o levou a significarse dentro da esfera franquista coas pautas de Giménez Caballero, o bufón de Franco, Euxenio Montes, a quen lle debeu o seu ingreso en ¡Arriba!, e o grupo de Escorial, encabezado por Dionisio Ridruejo e José Mª Alfaro. A partir destas datas, Correa sufriu unha transformación que o fixo figurar entre o grupo dos hispanistas máis destacados do momento: Lázaro Carreter (co que fundou a Biblioteca Anaya), Laín Entralgo, Entrambasaguas, Dámaso Alonso e Blecua.

Agás uns anecdóticos textos poéticos realizados neste período, ata o mesmo ano da súa morte, Correa non decidiu volver ó rego da literatura galega. En 1986, debido á iniciativa de Ramón Piñeiro e Isaac Díaz Pardo, Correa iniciou a traducción ao galego da súa novela castelá De aquí a la primavera. Novela de la montaña gallega, texto que con La noche céltica tiña Galiza como cronotopo rexionalista dun territorio máis dos que conformaban o estado novo que Franco se empeñaba en unificar a toda costa.

Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo é un traballo realizado dende o compromiso cos estudios literarios galegos. Ademais de tentar situar a Correa no seu propio tempo e no seu propio espacio (tanto galego como español), nel procúranse descubrir as pautas que o identifican como un dos intelectuais máis senlleiros no proceso de edificación do “Segundo Rexurdimento”, como lle chamou Francisco Fernández del Riego, que foi o do primeiro tercio do século XX. Deste xeito, pois, dúas directrices centran todo o traballo: por un lado o vangardismo, polo outro o galeguismo. O primeiro tradúcese en renovación estética, o segundo en renovación ideolóxica. Pero o máis interesante é que ambos os dous conducen a unha mesma idea: Galiza con nome propio dentro da cultura europea.

Que Evaristo Correa Calderón foi o intelectual máis internacional da literatura galega do seu tempo está fóra de dúbida. O seu nome brillou na cosmoloxía das vangardas foráneas en España, Francia, Portugal e América. Pero ademais, Correa non só quixo ser un escritor máis dentro da paisaxe literaria mundial. O seu valor como galego é o que máis salienta no pensamento dun escritor lucense que se preocupou por agasallar a Galiza coa posta en marcha da ideoloxía de vangarda, tanto na liña estética coma na liña política. Neste sentido, por tanto, o traballo deu lugar a un texto revisionista. Ademais de sustentar os seus argumentos a través dun extenso corpo bibliográfico, as pescudas sobre o labor xornalístico de Correa levaron ao autor desta tese a baldeirar xornais como La Idea Moderna, El Pueblo Gallego, Los Quijotes, Transit, Proa, Amauta, Tríptico, Seara Nova, Descobrimento, Bracara Augusta, La Ilustración Española y Americana, Renovación Española, España Nueva, España, La Esfera, Hoy, Grecia, Cervantes, ¡Arriba! ou Escorial, o que realizou na Hemeroteca da Biblioteca Pública Provincial de Lugo, na do Seminario Diocesano e na do Museo Provincial de Lugo, na do Arquivo Municipal de Vigo, na do Museo de Pontevedra, na Biblioteca Penzol de Vigo, na Biblioteca Nacional de Madrid, na de París e na de Lisboa, na Biblioteca Ricardo Palma de Lima, na Biblioteca da Universidade de Coimbra, na da Facultade de Letras de Buenos Aires, na da Facultade de Filoloxía de Compostela, na Biblioteca Xeral da Universidade de Compostela e na Hemeroteca Municipal de Madrid.

Unha vez salientado o labor preparatorio desta tese de doutoramento e adiantado o seu contido, as conclusións desta tese de doutoramento profundan na dimensión descoñecida dun intelectual que sen a súa intervención difícil sería poder comprender con exactitude o feito vangardista da literatura galega. Son oito os apartados que encerran o balance desta tese de doutoramento:

1) Dentro do proxecto ideolóxico do nacionalismo galego, o labor de Evaristo Correa, ademais de sobranceiro, foi pioneiro. Non en van, a el débese a organización en 1918 da Irmandade da Fala de Lugo, así como a da I Asemblea Nacionalista da Historia de Galiza. Tamén foi o primeiro intelectual galego en levar, dende as páxinas do xornal La Idea Moderna de Lugo, a primeira “Páxina Nazonalista” da literatura galega, e, despois, adscribíndose ás teorías de Víctor Casas, o primeiro en propoñer a estética da revolución para o nacionalismo galego.

2) Dentro da literatura galega de comezos de século, Evaristo Correa foi o responsábel da adquisición do discurso vangardista na poesía de Galiza. Neste sentido, e como intérprete do ultraísmo español, paralelamente a este ismo decidiu apostar por unha estética de vangarda que o descobre como o primeiro creacionista hilozoísta da literatura galega. No poemario “Poemas sinxelos” é onde se atopa esta actitude.

3) Pero non só no eido da poesía Correa Calderón foi un innovador. Tamén é autor do primeiro conto infantil da literatura galega, Margarida a da sorrisa d’aurora, publicado en 1927 baixo o selo editorial Nós.

4) A crítica de arte galega tamén é debedora dos canons e do primeiro impulso de Correa Calderón, que, ben dende Madrid (en castelán), ben dende o propio territorio de Galiza (tanto en galego como en castelán), se preocupou por explicar as orixes raciais dunha percepción estética que caracterizaba a arte galega de comezos do século XX.

5) Ademais de varias empresas de diversa índole que tiveron a Correa como impulsor principal, ben no nacionalismo (Mocedade Céltiga de Madrid), ben no que respecta á cultura galega (a Residencia de Estudiantes de Compostela, o I Congreso de Economía Gallega, o Instituto de Cultura gallega), ben na liña do vangardismo literario (Ronsel de Lugo), el foi o creador do marbete ‘nova xeración galega’, que tamén por vez primeira descubría o interese aglutinante dun grupo xeracional galego empeñado na renovación e no rexurdimento cultural de Galiza no século XX.

6) Tamén no eido do xornalismo galego atopamos o pioneirismo de Correa Calderón. Á parte de pequenas tentativas como Juvenilia, De todo un poco ou El Eco de Baralla, Correa promoveu a creación de empresas como Ronsel (representativa do vangardismo galego dos anos vinte) ou Vanguardia Gallega (reflexo da ideoloxía republicana galega da década seguinte).

7) Tamén a postura lingüística reintegracionista e a toma de conciencia lusitanista galegas fan aparecer a Evaristo Correa Calderón como un dos primeiros intelectuais de Galiza en solicitar o achegamento efectivo co eido portugués. Neste sentido, tanto dende a súa tribuna en El Pueblo Gallego como a través do seu traballo en La Gaceta Literaria de Madrid, Correa se identifica como o máis fervente impulsor do achegamento á cultura portuguesa nos anos vinte.

8) O amplo abano de nacións nas que Evaristo Correa desempeñou o seu labor intelectual (España, Francia, Portugal, Romanía, Arxentina), que fai del o intelectual máis internacional da literatura galega do seu tempo, foi quen de procurar na súa ideoloxía unha concepción diferente á ofrecida durante a súa etapa de fe nacionalista. É así como Correa Calderón foi un dos primeiros escritores que apostaron e explicaron a validez do discurso europeísta, atlantista e universalista, que pouco despois ían desenvolver os intelectuais do grupo Nós.

Noutro orde de aspectos, polo que atinxe ás contribucións orixinais que presenta este traballo, deixando a un lado o gran corpo hemerográfico no que se sustenta e que en boa medida contribúe ao seu interese revisionista, tenta clarificar a entrada de Galiza na traxectoria do vangardismo histórico peninsular en 1917 (ano da chegada de Correa a Madrid e ano da súa inmersión na xestación do ultraísmo e do creacionismo españois) e profunda nas relacións culturais que, por Correa, Galiza mantivo tanto coa intelectualidade española coma coa portuguesa. Por outra parte, e sempre seguindo o protagonismo de Evaristo Correa nos feitos culturais galegos, esta tese avalía o nacemento e a xestación do primeiro nacionalismo de Galiza e o impulso da ideoloxía republicana na intelectualidade galeguista, espacios nos que o escritor de Neira de Rei se presentou como un dos seus piares máis activos. Nunha liña paralela aparece o estudio do que foi a ‘nova xeración galega’, etiqueta que Pardo de Neyra segue para delimitar o que chama ‘a xeración da vangarda’, onde se unifican os intereses que López-Casanova reuniu na ‘xeración do 22’ e Bal e Méndez Ferrín na ‘xeración do 25’.


Xulio Pardo de Neyra
Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo
Dirixida por Anxo Tarrío Varela
Facultade de Filoloxía
Universidade de Santiago de Compostela, 2002.
Tese de doutoramento. Inédita.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: