Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Carga e un detido, o resultado de agardar a Aznar

Do mesmo xeito que Carrillo entraba na España do tardofranquismo, entrou Aznar na Galicia do Prestige. Sen previo aviso, chegou ás 11 da mañá, saíu de Alvedro agochado, tivo unha unha xuntanza con Rajoy, Francisco Vázquez e Fraga, entre outros, e deu unha rolda de prensa de media hora. Logo voltou a España. Foron catro intensas horas nas que pasou de todo...

- 18:23 14/12/2002
Tags:

O gabinete do Goberno Aznar non informou aos medios de comunicación da súa visita a Galicia ata as once da noite do venres 13. Todo era clandestinidade nos preparativos: ningunha referencia nas previsións do presidente español nin do galego, que informaba o día anterior que Fraga ía estar nunha degustación de mexillóns en Santiago.

Pero a noticia correu coma o lume e xuntáronse diante da Torre de Control preto de un milleiro de manifestantes dispostos a apupar a chegada do xefe do Executivo estatal. Alí estaban activistas de Greenpeace, militantes de BNG e CIG e tamén membros da plataforma Nunca Máis.

Producíronse diversos enfrontamentos coa Policía, que zarandeou e ameazou a un xornalista de La Voz, Rubén Ventureira, e ao escritor Manuel Rivas. Os manifestantes chegaron a estar a uns 500 metros da Torre de Control Marítimo e mentres Aznar daba a rolda de prensa, varios axentes da Policía mallaron nun mozo repetidamente, producíndolle leves contusións. Tamén foi detido un mozo e trasladado ao cuartel de Lonzas, para ser ceibado horas máis tarde.

O momento emotivo da xornada produciuse cando unha muller se achegou á muralla de antidisturbios a poñerlles un lazo negro na solapa. Varios dos axentes aceptaron a proposta, aínda que o puxeron por dentro do uniforme. Un deles, comentou: "Señora, eu isto só o podo levar interiormente". E estouparon os aplausos dos manifestantes que un minuto antes berraban: "Menos maderos, más chubasqueros".

A concentración, tan precipitada como a visita do presidente, rematou logo de ver pasar (dirección Madrid) aos vehículos con cristais tintados fuxindo da xente. Berrar "Televisión, manipulación!", "Demisión!", "In-com-pe-ten-cia!"... era o único que lles quedaba. Nin sequera chegaron a ver ao home do bigote... "que limpe o chapapote!".

[Mentres, na Torre de Control Aznar dicía isto]


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: