Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Rubianes convertiu a comedia en denuncia

Arredor de 3.000 persoas acudiron ao Festival Solidario que se celebrou o luns 18 no Pavillón Polideportivo de Cee. Exerceu de mestre de cerimonias Manel Fuentes, que foi dando paso, ao xeito do Clube da Comedia, ás diferentes actuacións humorístico-musicais. Ata que chegou Pepe Rubianes...

- 11:13 14/01/2003
Tags:

O espectáculo comezou pasadas as seis e media da tarde. Aínda estaba a entrar xente no recinto cando comezou a actuación do Gran Wyoming e o Mestre Reverendo. Mentres, nas bancadas, empregados do Concello trataban de impedir que se mostraran as bandeiras e pancartas de Nunca Máis que levaban algúns dos asistentes.
O número de Wyoming e Reverendo incluiu tres temas musicais e algúns comentarios irónicos sobre Aznar e o goberno español. A súa actuación foi moi apurada e sufriu máis que ningunha os defectos de son.
Bermúdez e Carles Flaviá fixeron cadanseu monólogo, sobre o tema do amor e o da vellez respectivamente, no máis puro estilo do Clube da Comedia.
Entrambas actuacións interviu Nancho Novo, muxián de corazón, que interpretou dous temas de rock clásico. Na primeira canción guindou ao chan a chupa de coiro para mostrar unha camiseta co lema Nunca Máis, que gran parte do público coreou. Lembrouse de Fraga cando dixo que “si o buque había que levalo mar adentro por estar escorado, con algún había que facer o mesmo”.
Manel Fuentes encargábase de entreter ao público entre unha actuación e outra, a maior parte das veces coas imitacións do rei que o fixeron famoso.
Pepín Tre, coa súa guitarra acústica ao lombo, combinou música e palabra nun número de humor do máis surrealista.
Pepe Rubianes non se cortou un pelo. Cando parecía que todo ía quedar nun mero espectáculo cómico-musical, o actor galego-catalán afiou o dardo da palabra para sinalar como culpables da traxedia aos gobernos de Madrid e Santiago. Fixo un repaso da Antoloxía do Disparate, é dicir, das declaracións dos gobernantes ao longo da crise. Non se salvou case ningún: De Mesa, Aznar, Fraga, Rajoy, Cañete,... todos levaron a súa ración de chapapote. Nas primeiras filas algúns remexíanse nas súas cadeiras (o alcalde popular de Cee, por exemplo). Para rematar, uns versos de Rosalía, eses que din:
Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que españa de ti se olvida
cando eres ¡ai! Tan hermosa
O público posto en pé (agás os das primeiras filas), e berros de DIMISIÓN, DIMISIÓN!!.
O encargado de pechar o acto foi Pablo Carbonell, que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos, como “Mi agüita amarilla”. No saudo final, os artistas portaban unha pancarta dos voluntarios na que se podía ler: “Non á hipocresía do alcalde de Muxía”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: