Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA ACTUALIDADE TRABALLAN ARREDOR DE 20 INVESTIGADORES E TÉCNICOS GALEGOS

CERN: 50 anos investigando sobre a estructura do universo

O Centro Europeo de Investigacións Nucleares, CERN, o laboratorio de física nuclear de referencia no mundo, foi inaugurado hai hoxe 50 anos en Xenebra. Os máis de 2.500 investigadores e empregados do CERN traballan sobre todo nas grandes cuestións da física fundamental, relacionadas coa orixe e estructura do universo e a física de partículas. Un fito importante deste medio século de historia do CERN foi o desenvolvemento da actual rede de internet, a World Wide Web, como resposta á necesidade de comunicación da comunidade científica. Varios investigadores galegos traballan na actualidade no CERN: tres en física teórica e arredor de 15 na parte experimental, case todos formados na Facultade de Física da USC.

- 11:37 29/09/2004
Tags:

Un deles é Carlos Salgado, que leva traballando no CERN desde o 2001. Salgado sinala que o principal reto do laboratorio é a construcción do novo acelerador de partículas, LHC, un túnel de 27 quilómetros que a 100 metros baixo terra recrea as condicións nas que se produciu o "Big Bang". O novo acelerador susbtitúe ao LEP, que funcionou ata agora. Cando estea rematado en 2007, os investigadores esperan que o LHC permita o descubrimento dunha nova partícula, o HIGGS, "que é a única que falta por identificar experimentalmente do chamado modelo estándar e explicaría a orixe da masa das demais partículas atómicas". Outros programas de investigación tentarán reproducir os primeiros instantes do universo ou detectar buratos negros microscópicos.

Carlos Salgado insiste en que aínda que o CERN se dedica sobre todo á investigación básica, "as preguntas que nos facemos son tan fundamentais que nos colocan na fronteira da tecnoloxía". Neste sentido, moitas das aplicacións en electrónica ou en superconductores desenvolvéronse no CERN e forman parte da tecnoloxía de uso habitual en componentes de ordenadores ou sistemas de comunicación.


1/5 (1 votos)