Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
DO DISCÍPULO AO MESTRE

Memoria con Manuel María

Morreu Manuel María, e agora eu non sei falar del como poeta, como o gran poeta que encheu medio século da nosa literatura cunha obra multiforme na que brillan algunhas das máis verdes esmeraldas da lírica galega. Darío Xohán Cabana dedícalle estas liñas que seguen a quen el considerou guía na vida e na obra. Outros falarán do Manuel escritor. El fala da persoa e da amistade compartida.

- 10:31 06/10/2004
Tags:

Unha obra de vontade totalitaria, a obra dun home que quixo apreixar totalmente o tempo e o país, non xa a persoa que os vivía, e así prodigou sen medida os lóstregos do seu xenio en breves e magníficos relatos, en centos de artigos variadísimos, en obras de teatro que van desde o xogo máis aéreo á concepción máis épica dos dramas nacionais, e sobre todo en milleiros de versos que abranguen desde a chousa máis íntima ó canto multitudinario. Manuel María foi non un poeta, non un escritor: foi unha literatura. E se non hai novelas que completen o cadro, é porque o Manuel non gustaba delas, non entraban na súa concepción do mundo e da literatura, e nin sequera lía moitas, agás que fosen dos seus amigos, ós que ás veces lles reprochaba que perdesen o tempo escribíndoas. A min reprochoumo algunha vez.

Pero outros falarán do Manuel escritor, do poeta nacional que puxo na súa obra as mil angustias e os mil gozos dun home de amplos horizontes que á fin sempre volvía ós espazos nutricios do seu sangue, a Outeiro de Rei, á Casa de Hortas, ó Campo de Santa Sabel, ás cen lagoas e regatos da Terra Chá nativa, ás cidades amadas de Lugo e Compostela, ó Monforte de tantas ledicias e tantos sufrimentos, ás vilas e ás aldeas percorridas cos amigos, nas que coñecía cada casa e cada xente. Á xente que el amaba. Manuel sentía pola xente, polas persoas únicas e irrepetibles, un amor irremediable, unha curiosidade inesgotable, unha comprensión absoluta que nacía de velas non só como eran, senón como soñaban ser, e mais dunha bondade natural que nel non tiña case mérito, pois non podía ser doutra maneira.

O encontro

Eu quero dicir que aló polo 67 ou principios do 68 vin o Manuel pola primeira vez na biblioteca do instituto de Lugo onde eu estudaba. Presentoumo de paso Alonso Montero, e todo quedou niso, sen máis conversación ca unhas palabras amables dun poeta consagrado a un rapaciño de quince anos que andaba tatexando os seus primeiros versos. Tal foi, con outras palabras, o que de min lle dixo o meu profesor, e eu púxenme nervioso de máis para enfiar algo con xeito.

Manuel aínda non gastaba barba, senón aquel mesto bigote que o facía andar algo cangado cara adiante, segundo eu sabía xa por un poema seu: «un toxal vello, / un paralóstregos, / un colleondas de luz / para inspirarme, / unha carqueixa, / un lugar moi seguro / pra que o cuco poida /cucar na Primaveira». Viña nos Documentos personaes. Pouco podía imaxinar eu que dous anos despois aquel poeta que me impoñía tanto me había de encargar un limiar para a segunda edición daquel libriño que eu sabía case de memoria. Eu non tiña bigote, que aínda non me nacía, e tamén lle envexaba ó mestre a súa fermosa «silveira en flor, / unha regalía / prós ollos das rapazas». Por iso devecía eu tamén, que me facían pouco caso.

Mestre na poesía e na vida

Polo Nadal do ano 68 ingresei na UPG, e eu sospeitaba que Manuel María era da UPG. Eu desexaba mestre, mestre na poesía e mais na vida, mestre tamén, xaora, na política. Así que lle escribín unha carta a Monforte, tratándoo así, de mestre, e aseñorándoo moito, e el contestoume a volta de correo convidándome á súa casa. Eu tiña dezaseis anos e medio, era coma quen di un pícaro, e o gran poeta, o home que xa publicara o Terra Chá e o Mar Maior, convidábame á súa casa coma un igual, coma un colega.

Porque en canto cheguei e lle chamei mestre de palabra, díxome que así non se falaba, e que ademais tiña que atualo. E xamais tolerou que me puxese en plan discípulo; se algún consello daba, se algunha crítica facía ou se propoñía algunha corrección nun verso, era de igual a igual. Agás cando os consellos eran en materia de vida e non de literatura, que entón ás veces poñíase severo, a modo non de pai, mais si de irmán maior, e reprendía con dureza as loucuras de nenos que os seus amigos cometían. Ou polo menos, as que cometía eu.

O Manuel tiña unha colección de poesía, aquela Val de Lemos tan humilde e importante, e o primeiro que fixo, despois de ler os meus poemas, foi abrila para min. Xa publicara nela dous libriños, un de Lois Diéguez e outro del, e andaban polo medio un de Neira Vilas e outro do Celso Emilio. Se mal non me recordo, o meu debía ser o terceiro e saír no 69, pero non foi posible. Titulábase Home cara ó vento, e a "consulta previa", enxeñosa invención léxica do ministerio de Fraga Iribarne para disimular a censura franquista, devolveuno inzado de raias de lapis vermello. Houbo que agardar un ano máis, mentres eu escribía Home e terra, que pasou mellor pola censura e foi o número 5 da colección. Cun prólogo do Lois Diéguez, que é máis vello ca min, e daquela dun xeito significativo que o habilitaba de padriño.

O artigo completo, no último número da revista TEMPOS Novos (outubro 2004, nº89)

TAMÉN NA SECCIÓN CULTURAL DE TEMPOS NOVOS:

A polémica do ministro Gilberto

Arte polo grande: As bienais de Pontevedra e a Coruña.


0/5 (0 votos)