Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECISIÓN POLÉMICA

Unha vella desputa entre Vigo e Santiago pola Escola de Arte Dramática

A Xunta afirma que o concello de Santiago non ofreceu ningún local nin apoio económico para a creación da Escola Superior de Arte Dramática. Algo que nega o grupo municipal do BNG alegando que " o Concello de Santiago ofertou á Xunta de Galiza a cesión de terreos para a construcción do citado centro, 5.000 metros cadrados que completan a parcela na que se levantou o Conservatorio de Música, e a xestión de sedes temporais para a súa posta en marcha de xeito transitorio".

- 16:49 07/10/2004
Tags:

Para o grupo municipal do BNG, a pesar de que existía un acordo previo co conselleiro de Educación, Celso Currás, para que a Escola se establecese en Santiago, " foi o conselleiro de Cultura, D. Xesús Pérez Varela, quen afirmou a comezos de xaneiro a intención da súa Consellería de crear o Centro Superior de Arte Dramático en Vigo, nunha actuación a tres bandas entre a Xunta, o Concello de Vigo e a Deputación Provincial de Pontevedra. Este anuncio coincidíu coa chegada de Corina Porro á alcaldía de Vigo".

O Goberno galego alega que Vigo, cos seus 280.186 habitantes, é a cidade galega con máis poboación, polo que a localización da Escola Superior de Arte Dramática nesta cidade se presenta "como a decisión máis acertada no que se refire á atracción do alumnado".

Os estudos de arte dramática comprenderán un só grao de carácter superior e os alumnos que superen estes ensinos terán dereito ao título superior de Arte Dramática, equivalente ao título de licenciado universitario para todos os efectos. Estes estudos estructúranse nun único ciclo de catro cursos académicos divididos en tres especialidades, que son a dirección de escena e dramaturxia, escenografía e interpretación.


0/5 (0 votos)