Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
20-N

Primeiro ano sen misa franquista en Beade

O alcalde do concello ribeirao de Beade, o 'popular' Senén Pousa, que promove unha misa en honra do ditador Francisco Franco dende 1976, anulouna por primeira vez este ano. Unha cincuentena de militantes de AMI acudiu de todos os xeitos para manifestarse en protesta a Beade, onde se produciron enfrontamentos cos veciños.

- 15:23 21/11/2004
Tags:

A misa celebrábase todos os 20-N dende 1976 na parroquia de Santa María de Beade. Pero este ano o alcalde decidiu suspendela a mediados da semana pasada, argumentando que non ía poder estar na vila por andar de viaxe. O pequeno concello de Beade (600 habitantes) está rexido dende a ditadura por Senén Pousa, que tamén gañou nos últimos comicios municipais cun 72% dos votos e seis de sete concelleiros. É o concello quen paga o custo da misa todos os 20-N, e a rúa principal da localidade chámase Rúa do Caudillo.

E aínda que non ía haber misa, unha cincuentena de militantes de
AMI concentrouse na localidade para protestar pola cerimonia. O templo estaba custodiado pola Garda Civil e pechado. Os manifestantes despregaron diante del unha pancarta onde se lía '20-N: Fascismo nunca máis' e comezaron unha manifestación ata a Casa do Concello. Durante a manifestación producíronse enfrontamentos cos veciños, co resultado dun coche crocado e co parabrisas roto, e rematou coa queima dunha bandeira española preconstitucional.


Ligazóns

0/5 (0 votos)