Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Príncipes vellos e novos

Disque vivimos nun tempo de mudanzas a eito, sobre todo nun tempo de mudanzas políticas, en que as fronteiras das institucións tradicionais non paran de se desprazar. Mais se a afirmación é certa, tamén os políticos deberían ter mudado moito.

- 08:20 13/12/2004
Tags:

Como era un político de hai cincocentos anos? Xa sei que non é verdade, mais non podo deixar de figurarme a Idade Media como unha época primitiva. Uns tempos de vizosos carreiros cheos de cubos a modo de latrinas, fachadas escuras e homínidos sen sentido da xustiza. O fedor deses carreiros impídeme imaxinar que a política de antano poida ter algo en común coa de hogano.

Segundo Machiavello, actuar con xustiza equivalía a perder o poder automaticamente. Por iso os príncipes debían aprender "a non ser bos". Un príncipe tiña de ser unha mestura de raposa e de león. A solermia é o mais axeitado para a política: mentir e engaiolar son unha ferramenta imprescindíbel para o exercicio do poder. "É moito mellor ser temido que amado", sen por iso ser odiado.

Estes trazos non teñen algo que ver cós príncipes de hoxe como Jacques Chirac, Vladimir Putin ou Manuel Fraga?

Arredor dun século despois de Machiavelli, escribiu Thomas Hobbes que a política en xeral se reduce á seguridade. O máximo anceio das persoas é a súa propia conservación, e estas persoas están prontas a renunciar ás súas liberdades e dereitos para sentírense seguros: poder baixar á praza sen medo de sufrir un ataque. Mais non sería posíbel que un presidente gañase unhas eleccións xogando só co medo dos electores?

Segundo Machiavelli, as realidades políticas están construídas para que o príncipe deba manipular ás masas para conservar o poder: "a xente é tan sinxela e está tan dominada polas súas necesidades íntimas, que un home disposto a enganar, sempre atopará masas listas para seren enganadas".

Se ao final se demostrase que as diferenzas entre a política daquela e os presidentes de hoxe non son tan grandes, isto significaría que Machiavello era un moderno de raio. Porque non pode ser que nós esteamos trasnoitados, nonsí? Ou que a política cambiou mentres que os políticos seguen a ser os mesmos raposos pisamainiños e sedentos de poder? Neste último caso o que deberíamos facer é coller o porco polo rabo e elixir novos príncipes.


0/5 (0 votos)