Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ESTA LEXISLATURA PODE SER A DA SUPERACIÓN DEFINITIVA DA VIOLENCIA

Carod-Rovira: "sen plurinacionalidade, a democracia no Estado español non será plena"

Josep Lluís Carod-Rovira pensa que poderíamos estar vivindo nos inicios dunha segunda transición e 2005 ser o ano chave. Nunha entrevista publicada no diario Avui, Carod reflexiona sobre o presente político e o futuro das reformas pendentes. Para o político catalán, 1978 foi o ano no que en España se gañou a batalla da democracia. 2005 pode ser o ano no que España gañe a batalla da plurinacionalidade, que é a asignatura pendente que está a xerar déficit democrático. Porque "sen plurinacionalidade, a democracia no Estado español non será plena, porque España como Estado é plurinacional. Digan o que digan as leis, hai unha realidade que está por riba".

- 21:49 23/01/2005
Tags:

En canto ao conflito mediático e institucional provocado pola aprobación do plano Ibarretxe, Carod cre que sería un grave erro reducir a viabilidade dun Estado plurinacional ao rexeitamento da proposta do lendakari: "Estamos nunha nova etapa e quizás o plano Ibarretxe se corresponde máis cunha etapa que vén de antes… Estou convencido de que esta lexislatura pode ser a da superación definitiva da violencia e o momento no que se porán as bases dun marco legal plurinacional". E no canto estremo, ve un PP que "constata que quen se quede fóra do proceso democrático de reforma plural, e xa non digo plurinacional, do Estado pode quedar fóra da normalidade política nos territorios afectados pola reforma… Josep Piqué sabe que non pode ficar fóra do proceso porque isto significa un cuarto de século de marxinalidade política en Cataluña.

Neste sentido, Carod valora como "altamente conveniente" que o PP se sume á reforma do Estatuto. "Ningún demócrata pode negar canto de positivo sería que o PP se sume ao acordo do resto de partidos de Cataluña. Ninguén está lexitimado para cuestionar o diálogo". Lembra que o PP estivo até hai pouco en contra da reforma e agora está participando no relatorio do Parlament e antecipa que agora, máis que nunca, cumpren "políticos de nível" con alto sentido do Estado (no seu caso "Estado catalán") e con capacidade estratéxica de longo alcance que traballen con discreción. Non é momento de tacticistas de ollada curta.

Referíndose ao papel do PSOE en todo o proceso, Carod opina que outro erro gravísimo sería deixarse levar polo nacionalismo español, "do que nunca se fala", da mab do PP. "Por iso deberá elixir entre a cultura e a tradición democrática que comparte cos partidos da periferia plurinacional do Estado ou a cultura do centralismo e uniformismo que unha parte do PSOE comparte co PP… entre unha fronte española polo centralismo ou unha alianza democrática pola pluralidade nacional, cultural e lingüística".

Sobre o apoio parlamentario no Congreso, confirmou que en ERC están dispostos a dar un soporte estábel e non só pontual "se o PSOE se decide dunha vez a dar contido á retórica federal, se acepta o Estatuto que aprobe o Parlament e un sistema de financiamento xusto". Ademais, entende que Zapatero elixiu ás esquerdas para gobernar porque "nunca teríamos votado Aznar como presidente nin os seus orzamentos".

Sobre o papel de CiU, o presidente de ERC di que "fará o que ten que facer: non ficar fóra dun gran acordo para que Cataluña faga un gran paso adiante. Sería moi perxudicial para os seus intereses", pois "durante 23 anos nunca pularon pola reforma do Estatuto e sempre votaron en contra, e se isto se conseguise e eles tampouco estivesen a favor, sería suicida". Para o líder republicán, CiU "foi tradicionalmente un partido tacticista, non estratéxico", por iso lles custa tanto entender o que está a pasar no Estado. Pero "isto non é bo, porque CiU é imprescindíbel para Cataluña, porque ocupa un espazo que non nos podemos permitir que fique esmorecido. É importante que se decate e convenza aos sectores sociais os que debe convencer".


0/5 (0 votos)