Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
O CASO DO TERRORISTA ANTICASTRISTA CUBANO POSADA CARRILES

Segundo o New York Times a FBI relaciona ao terrorista Posada Carriles co ex presidente venezuelano Carlos Andrés Pérez

Unha extensa reportaxe do xornalista Tim Weiner publicado no New York Times onte 9 de maio asegura que o goberno do presidente Carlos Andrés Pérez estaría vinculado ás actividades terroristas de Luis Posada Carriles, sinalado como autor da voladura do avión de Cubana de Aviación con 73 persoas a bordo en 1976.

- 11:41 10/05/2005
Tags:

A reportaxe coloca como proba un documento da FBI datado en novembro de 1976 e recentemente desclasificado polo goberno estadounidense a petición da organización National Security Arquive, no que se ubica a Posada Carriles en dúas xuntanzas segredas onde se planeou o atentado terrorista. O documento da FBI cita directamente a Ricardo Morales, un informante cubano-americano "de alta confianza" e compañeiro de Posada Carriles na Disip (policia política do Estado venezuelano), asegurando para ese entón que se "Posada Carriles fala, o goberno venezuelano se iría pola cañería," suxerindo así a participación do goberno do presidente Carlos Andrés Pérez nas actividades terroristas de Posada Carriles.

Cornick sinala que despois de estoupar a bomba, "as pesquisas se dirixiron directamente á Disip," e que as autoridades venezuelanas sabían que Posada Carriles estaba relacionado direitamente no atentado terrorista. Para Cornick, "a información que se tiña era tan abrumadora que a ocultaron como unha medida preventiva - para previr que falase ou que o asasinasen."

Despois de case nove anos detido en Venezuela, sen unha sentenza ou perdón formal, Posada Carriles escapou da cadea coa presunta complicidade interna.

"Todo o mundo sabe que Posada Carriles está en Miami"

A mesma reportaxe suxire que contrario ao que segura o subsecretario de Estado para o Hemisfério Ocidental, Roger Noriega, o terrorista Posada Carriles está en Estados Unidos. Segundo declaracións de Orlando Bosch, "o máis prominente personaxe do anticastrismo violento en Florida", oferecidas para o Canal 41 de Miami, "todo o mundo sabe que Posada Carriles esta aqui", en Miami.

As apreciacións de Bosch cadran cunha información recentemente publicada polo Miami Herald na que se asegura que Posada Carriles está agachado en Miami, que contratou os servizos legais do avogado Eduardo Soto para que negociase o seu asilo co Departamento de Seguranza Nacional de Estados Unidos, o cal representaría un serio dilema para a administración Bush. De outorgar o asilo, o goberno estadounidense estaría a violar unha das súas principais políticas de seguranza ao oferecer refuxio a sospeitosos terroristas, pero se o nega, exporíao a perder o apoio que actualmente receben o presidente Bush e o seu irmán Jeb Bush, gobernador de Florida, de poderosas organizacións anticastristas.

Xurxo Martínez Crespo


Ligazóns

0/5 (0 votos)