Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
.

Política de emprego e precariedade laboral

Case o 98% dos contratos laborais que se asinaron o ano pasado en Galiza eran temporais. A precariedade no emprego aféctalles sobre todo á mocidade e ás mulleres, os mesmos colectivos que soportan tamén as maiores taxas de paro. A cohesión social e a igualdade de oportunidades están en xogo.

- 08:21 07/06/2005
Tags:

Segundo dos datos do Instituto Nacional de Emprego (INE), en maio de 2005 a cifra de parados nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra eran, respectivamente: 69.448, 17.044, 21.063 e 64.524 persoas. Desta cifra, en todos os casos, dous tercios da mesma corresponden ao desemprego feminino, fronte a un tercio que supón o desemprego masculino. Deste xeito, dos 69.448 desempregados da Coruña, 43.259 son mulleres, dos 17.044 de Lugo a cifra de mulleres é de 10.370, 13.137 mulleres desempregadas do total de desemprego de Ourense (21.063) e, en Pontevedra, se a cifra total é de 64.524 a das mulleres ascende a 41.374 desempregadas.

Cara ao pleno emprego en precario

"Unha muller nova, que se incorpora ao mercado laboral nos sectores de hostelaría, servizos ou téxtil, que ten un contrato a tempo parcial pero fai xornada completa sen cobrala" é a ilustración do traballo en precario en Galiza. Deste xeito analisábao no mes de marzo deste ano a Confederación Intersindical Galega.

A forza de tentar acadar a media europea de emprego as políticas da Xunta e do estado español nos últimos anos, tenderon á temporalidade, co apoio dos sindicatos en ocasións e fomentaron, de xeito indirecto a precariedade laboral. "Repiten o esquema dos pactos acadados en anos anteriores, que demostraron na práctica que eran negativos para os traballadores e que lonxe de mellorar a súa situación laboral favoreceron os recurtes salariais e un incremento da precariedade", apuntaba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Conciliación entre teoría e práctica

Cada catro anos os partidos políticos galegos elaboran a súa política de emprego, unha materia que xunto ás recorridas pensións, sensibilizan á opinión pública e captan a súa atención cara aos programas electorais. Pero a teoría e a práctica non van parellas e cada ano a estabilidade do emprego é menor. A maioría dos contratos asinados nos últimos anos son de carácter temporal, sobre todo no que afecta ás persoas menores de 25 anos; neste caso, dos contratos asinados ao longo de 2004, o 97,6% eran temporais, unha inestabilidade que unida aos baixos salarios causou, nunha década, a emigración de máis de 200.000 galegos e galegas. As dificultades de inserción laboral da xente máis nova vanse paliando con prácticas de formación en empresas e programas de bolsas e contratos coma as Feuga ou o Plan Labora, que en ningún caso superan o ano de duración e que impulsan, pero non esixen, a contratación do empregado ou empregada.

Outro dos colectivos ao que máis afectan o desemprego e a inestabilidade laboral é o feminino. As políticas de emprego da Xunta nos últimos anos tenderon a promover a contratación feminina con incentivos maiores que a masculina, pero a situación dos servizos sociais en Galiza e o rol que desenvolve a muller conlevan que esta deba abandoar temporalmente o seu traballo, ben por maternidade, ben por asistencia social a algún dos seus familiares. Na teoría hai sempre un plano de incentivos empresarias e axudas sociais para que a muller poida superar estes períodos sen perder a súa estabilidade laboral pero, na práctica, dous tercios da cifra de desemprego galega correspóndellen sempre o colectivo feminino.

Se cambia o goberno...

O BNG coida que a primeira medida a adoptar na política de emprego da Xunta debe ser a de crear unha consellaría específica de Traballo e dende ela desenolver un Plano Galego de Emprego que requerirá aumentar o orzamento autonómico para o eido laboral e que terá como medidas para o seu desenvolvemento o equilibrio territorial e a creación dunha mesa sectorial, que reúna sindicatos, asociacións empresariais e á administración, para rematar coa precariedade. Nesta dirección, estender o contrato indefinido e a xornada completa é unha medida básica á que haberá que unirlle o permiso de contratación temporal en situacións excepcionais e non incentivadas.

O diálogo entre os tres sectores sociais implicados no emprego (sindicatos, empresarios e administración) atópase tamén entre as intencións dos socialistas, para os que establecer un pacto institucional é a medida fundamental que permitirá a creación de emprego e a reducción do paro empregando medidas contra a fraude na contratación. Outros factores que empregará o PSdeG para achegar Galiza á estabilidade laboral pasan por potenciar o Servizo Público de Emprego, corrixir os desequilibrios territoriais do mercado de traballko e fortalecer a negociación colectiva.

Se goberna o PP...

Logo de dezaseis anos de goberno, o programa electoral do Partido Popular en canto á situación laboral, asegura que a estabilidade e a reducción do paro marcaron o período no que conviviu o goberno popular de Galiza co de España, en contra de todas as estatísticas. Para a lexislatura 2005-2009 o equipo que lidera Manuel Fraga elaborará un Plano de Calidade e Estabilidade no Empergo centrado nas políticas de formación, na activación de canles de información para os que buscan emprego.

A inestabilidade laboral galega, sempre ligada á xuventude e á muller, é un preocupación fundamental para o Partido Popular posto que "os abusos son inaceptables dende un simple punto de vista humano", por iso dous pasos esenciais serán a redistribución das ofertas de emprego e a inserción laboral da xuventude como ata o de agora: a través das prácticas anuais, de programas específicos para universitarios (como poden ser as bolsas Feuga) e da creación dun novo Plan Labora, ademais do mantemento do actual.


0/5 (0 votos)