Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS CONCURSOS RESOLVERAOS O GOBERNO EN FUNCIÓNS

A Xunta non retrasará a concesión de novas licenzas de TDT local

Malia que xa entrou en vigor a lei estatal que amplía en cinco meses o prazo para resolver os concursos da TDT local, a Xunta de Galicia tén intención de dár as novas licenzas antes do catro de agosto. Segundo o gabinete de comunicación da Consellaría de Cultura "a Xunta vai seguir adiante cun proceso que se iniciou coa lexislación anterior". Legalmente nada impediría que este proceso se detivese en seco para que sexa o goberno entrante tralo 19-X o que outorgue as novas licenzas. Porén, a negativa da Xunta a aplicar a ampliación dos prazos vai permitir que sexa o goberno "popular" en funcións quen configure un mapa audiovisual local composto por 21 demarcacións susceptibles de acoller 63 canles de televisión privadas.

- 10:01 16/06/2005
Tags:

Segundo as fontes xurídicas consultadas, non habería ningún problema legal para que se adiase a resolución dos concursos ou que incluso se volvesen convocar. A lei publicada onte no BOE dí que a nova data tope para ter resoltos os concursos é o 31 de decembro e non o 4 de agosto.

En teoría gáñanse cinco meses, pero na práctica as cousas en Galiza seguirán igual. A Xunta indicou que vai seguir adiante co proceso "posto en marcha xa o ano pasado", de tal maneira que o goberno en funcións podería conceder as licenzas de TDT local co Parlamento disolto, inmediatamente despóis das eleccións e xusto antes de que tome posesión o novo executivo.

Para os xornalistas colexiados, a Xunta está cometendo "un abuso de poder" que só se explicaría como unha manobra de "blindaxe mediática do PP de cara ao futuro", segundo manifestou esta mañá o seu Decano, Xosé M. Vega.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa lle solicitara á Xunta que apartase os concursos da TDT do proceso electoral. Na súa contestación, o departamento de Pérez Varela acusou ao CPXG de "obedecer a intereses partidarios" e dixo que os concursos debían seguir adiante xa que doutro modo caeríase na "deixadez de funcións".

Agora a lei ampara a demanda dos xornalistas e dos partidos da oposición de adiar os concursos.

A falla de sorpresas de última hora, a Xunta tira para adiante con paso decidido e co ánimo de deixalo todo atado e ben atado antes do 18 de xullo, data da constitución do novo Parlamento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: