Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRISIÓN INCONDICIONAL PARA UXÍO CAAMAÑO E XIANA RODRÍGUEZ

Os dous independentistas detidos afrontarán penas de ata 20 anos

Os membros da AMI, Uxío Caamaño e Xiana Rodríguez, foron encarcerados na prisión madrileña de Soto del Real, en aplicación da lei antiterrorista. O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno acúsaos dun delito de terrorismo, ao participaren supostamente na colocación dunha ola con 3 kgs de explosivos nun caixeiro automático no centro de Compostela: o delito terrorista vai acompañado de tenza de explosivos, roubo dun vehículo e falsificación de documentación oficial, polos que se expoñen a condeas que poderían chegar aos 20 anos. O colectivo Ceivar denunciou a situación de incomunicación dos detidos.

- 09:29 27/07/2005
Tags:

Fontes xudicias sinalaron que Uxío Caamaño se negou a declarar ante o xuíz, pero que alertou os axentes que o detiveron da colocación do explosivo. Xiana Rodríguez negou calquera tipo de implicación no atentado, agás a da pertenza á AMI, ao igual ca Uxío Caamaño. Continúan as pescudas policiais para aclarar se existe algún tipo de vencello entre este atentado e o sufrido por Francisco Xavier Vázquez, un ex-militante de AMI, que recibiu un sobre-bomba a pasada semana na Coruña.

Pola súa banda, a organización "antirrepresiva" Ceivar denunciou a situación de incomunicación de Uxío Caamaño e Xiana Rodríguez, e apuntou a posibilidade de que os detidos estean sendo torturados. O seu voceiro Xoán Pérez criticou que as autoridades xudiciais lles negasen aos familiares o contacto cos imputados. Caamaño e Rodríguez, en aplicación da lei antiterrorista, poderían pasar ata catro anos en prisión á espera de xuízo, e ata 20 de confirmárense todos os cargos.

Voceiros de AMI negaron a súa implicación na colocación do artefacto explosivo e denunciaron unha "campaña de acoso e derrubo" contra a súa organización, polo que evitarán reunirse "ata que pase un tempo prudencial". Pola súa banda, o voceiro nacional da FPG, Mariano Abalo, desvinculouse destas accións, que "non coinciden en absoluto cos nosos postulados", aínda que non a condeou. A dirección da Fronte reunirase nos próximos días para avaliar a situación.

O mesmo explosivo nas bombas da Coruña e Santiago
Segunda informa o xornal La Opinion, a carta-bomba que recibiu Francisco Xosé Vázquez Pereiro na súa casa da Coruña e o artefacto que destrozou o caixeiro de Caixa Galicia en Santiago o pasado sábado estaban compostos polo mesmo tipo de explosivo. O xornal coruñés afirma que a policía cre que o atentado perpetrado contra Francisco Xosé Vázquez tamén foi obra dos seus ex-compañeiros do sector máis radical do independentismo.

A policía busca tamén ao compañeiro sentimental de Xiana Rodríguez, Álvaro Franco, tamén militante de AMI, ao que quere interrogar sobre a súa suposta relación cos atentados da Coruña e Santiago.


Ligazóns

0/5 (0 votos)