Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
AS OBRAS FORON REANUDADAS

Voluntarios de ADEGA-Lugo comparecen no Xulgado de Mondoñedo por pararen as obras da piscifatoría de Rinlo

Membros da delegación luguesa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) que detiveron as obras da granxa de cultivos mariños de Rinlo (Ribadeo), desde o luns 22 até onte, compareceron hoxe pola mañá para declararen no Xulgado de Mondoñedo, a raíz dunha denuncia presentada pola empresa promotora, Acuinor S.L., e mais pola construtora, Cuiña. Finalmente, a declaración foi adiada até o 19 de outubro por defecto na convocatoria dunha das persoas denunciadas. As obras de construción da piscifactoría, que degradan o espazo natural da Rede Natura 2000 "As Catedrais", ocupando de forma inxustificada 42.000 m2, foron reanudadas hoxe pola mañá.

- 15:19 31/08/2005
Tags:

Por outra banda, o Xulgado de Mondoñedo admitiu a trámite a denuncia penal presentada por ADEGA por infracción urbanística. Asemade, ADEGA solicitou ao Xulgado unha orde de paralización cautelar das obras da construción da piscifactoría. Perante esta solicitude, que previsibelmente será resolta mañán, o Xulgado demandou senllos informes ao Concello de Ribadeo e ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil.

A xuízo de ADEGA, a construción desta granxa no espazo natural "As Catedrais" constitúe unha grave agresión ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa altera un hábitat considerado de conservación prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). Esta piscifactoría foi rexeitada anteriormente en Asturias, polo concello de Valdés primeiro e polo concello de Castropol despois, por se querer instalar en espazos naturais protexidos.

A granxa de Rinlo situaríase nunha das zonas incluídas no Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, aprobado pola anterior Xunta cando xa estaba en funcións e sen un proceso previo de diálogo e consenso social. Nunha entrevista co director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Medio Ambiente, Nicolás Cortés, prevista para o próximo venres, ADEGA denunciará o impacto ambiental da granxa de Rinlo e demandará a paralización inmediata do devandito Plan Sectorial para sometelo a unha fonda revisión na que participen todos os sectores sociais interesados e que supoña a exclusión dos espazos naturais protexidos da costa galega ou susceptíbeis de selo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: