Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A FEG TAMÉN REXEITA A PISCIFACTORÍA DE RINLO

ADEGA pide ao Xulgado de Mondoñedo que manteña a paralización cautelar das obras da piscifactoría de Rinlo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) entregou no Xulgado de Mondoñedo un escrito de alegacións contra o recurso presentado polo Concello de Ribadeo e pola empresa promotora, Acuinor, no que se solicita o levantamento da paralización cautelar das obras da piscifactoría de Rinlo (Ribadeo), que afectan á zona da Rede Natura 2000 "As Catedrais". As obras están interrompidas desde o 22 de agosto, ao seren paralizadas primeiro por activistas de ADEGA-Lugo e logo por orde xudicial. Por outro lado, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) expresou o seu apoio a ADEGA e demandou a revisión do Plano sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega.

- 12:24 15/09/2005
Tags:

ADEGA insiste na "ilegalidade da licenza de obras outorgada pola Xunta de Goberno do Concello de Ribadeo o pasado 29 de Xullo, por canto aínda non ten as preceptivas autorizacións da Consellería de Pesca", o que podería constituír un delito de prevaricación urbanística. Alén diso, ADEGA acha que tanto a empresa promotora como o Concello de Ribadeo poderían ter incorrido en delito ecolóxico.

ADEGA presentou "un informe dos profesores e investigadores da Universidade de Santiago, Pablo Ramil e Manuel A. Rodríguez Guitián, no que os autores confirman a existencia na zona de dous hábitats catalogados como prioritarios pola Directiva Hábitats (queirugais secos costeiros atlánticos de Erica vagans e queirugais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris eou Erica tetralix), así como dun hábitat de interese comunitario (Acantilados con vexetación das costas atlánticas e bálticas), rexeitando de cheo os informes presentados polos peritos da empresa promotora, que interesadamente confunden especie e hábitat".

ADEGA solicita do Xulgado de Mondoñedo que non atenda o requerimento de Acuinor e o Concello de Ribadeo e ratifique as medidas cautelares adoptadas no seu día, "por canto, do levantamento das mesmas resultaría un dano irreparábel a uns hábitats prioritarios en perigo de desaparición e de imposíbel ou moi difícil recuperación, como se pode ver na mesma parcela na que se quere actuar, a cal, -despois de 20 anos de abandono-, aínda hoxe está en fase de recuperación".

As obras tamén estiveron paralizadas durante un tempo polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo, que finalmente decidiu levantar a orde de paralización, perante o que ADEGA anunciou a preparación dun recurso de apelación.

Ademais de actuar no plano xudicial, ADEGA insiste en demandar ás Consellerías de Pesca e de Medio Ambiente que interveñan en defensa da legalidade.

A FEG tamén rexeita a piscifactoría de Rinlo

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forma parte ADEGA, tamén rexeita a construción da piscifactoría de Rinlo nun espazo natural protexido da Rede Natura 2000. Advirte que agresións ambientais como a de Rinlo poden acontecer noutros espazos litorais da Rede Natura 2000 ou no seu contorno (Costa Ártabra, Costa da Morte, Complexo Umia-O Grove, Parque Natural de Corrubedo,...). Estas áreas non foron excluídas do Plan sectorial que define as zonas aptas para a instalación de granxas de cultivos mariños no noso país.

A FEG demanda do actual Goberno autonómico unha "revisión seria e rigorosa" do devandito Plano. Apunta que "os beneficios sociais para as zonas afectadas por piscifactorías son mínimos e a creación de postos de traballo é escasa". Por exemplo, a piscifactoría de cabo Vilán, construída nun contorno de grande valor ecolóxico e da que se falou ía crear 100 empregos, só xerou 15, dos que unha mínima parte son de Camariñas, o municipio no que se sitúa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: