Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
FESTIVAL DE CINE

Arrinca no Principal e na Chocolataría CurtoCircuito '05

A II edición do Festival Internacional de Curtametraxes desembarca en Santiago e vai achegar ata a capital galega, 60 curtametraxes en cinco días. Nesta nova edición estréase o festival como unha cita internacional xa que ten o obxectivo de situar Compostela no panorama audiovisual mundial e conseguir que Curtocircuito sexa unha plataforma para novos creadores.

- 08:35 18/10/2005
Tags:

O certame vaise dividir en tres categorías: ficción, animación e videocreación, tres estilos para os que se recibiron arredor de 300 traballos que quedaron, finalmente, en sesenta cintas seleccionadas para a Sección Oficial. As exhibicións van ter lugar, ao longo das tardes e noites de catro días, no Teatro Principal e na Chocolataría (a nova galería de arte vai acoller as proxeccións inseridas na categoría de videocreación).

Na xornada inaugural vanse proxectar no Principal as películas: Entre nós, Enxendro, Outra vida, Chatarra, A canción de Fémerlin, Cowboy de mediodía e Gwendolin, a miña primeira amiga na cidade, na categoría de ficción. No eido de animación os filmes, que tamén se proxectarán no Teatro Principal, son: Bota de ouro, A gota, Onde ninguén nos ve, Retruc, A Lupe e o Bruno, A lenda do espantallo, Ata a morte, O Felipe e a Maripepa, Zacarías zoombie e Honorata, unha pulga que saíu rá.

Mentres, na Chocolataría e xa dende o mediodía vanse proxectar ininterrompidamente as curtametraxes da categoría videocreación: Dixital, Sankara, Uzes Quintet, Alternativa poética, Ester, Related Sequence, tu est petra et portae, Doble vínculo, Saambal, Mira, hai silenzo aquí, K, Fóra de ningures, Porco Killing, Azul e 6 or 7 wot is its. Na mesma galería, ademais, comeza xa o Proxecto AVID/HP 'Non te curtes', no que un total de dez persoas poderán montar as súas curtametraxes baixo a supervisión dun titor de AVID.

As curtametraxes premiadas en cada categoría vanse dar a coñecer o 22 de outubro, na Gala de Entrega de Premios. Uns galardóns que ascenden a 3.000 euros para os gañadores e 1.500 para o agraciado co Premio Especial do Xurado. Outro dos premios que dos que se vai facer entrega vai ser o Premio do Público á mellor curtametraxe exhibida na sección CurtoCircuito na Rúa, celebrado durante o verán, que recaeu en Binta, la gran idea de Javier Fesser. Será esa mesma noite, durante a gala, cando se estree a curtametraxe Te quiero mal, de Mireia Giró, que obtivo o premio de guión Proxecto Compostela Plató.


0/5 (0 votos)