Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RODRÍGUEZ MANIFESTA A SÚA "SATISFACIÓN MODERADA" CO ACORDO

BNG e PSOE chegan a un acordo sobre os orzamentos do Estado

O BNG non presentará emenda á totalidade ao proxecto de lei dos Orzamentos do Estado para 2006 despois de chegar a un acordo co goberno español no que se garante un incremento de 30 millóns de euros nos investimentos estatais previstos para Galiza no vindeiro ano. O deputado do BNG, Francisco Rodríguez, que se mostrou "moderadamente satisfeito" co acordo, afirmou que o investimento global para Galiza superará os 1.500 millóns de euros en 2006.

- 17:03 20/10/2005
Tags:

Francisco Rodríguez sinalou os aumentos logrados no capítulo de Fomento e que supoñen 14 millóns de euros máis para as infraestruturas galegas: 11,5 millóns de euros máis para o Eixo Altántico, 2 millóns de euros máis para o tramo ferroviario Lubián-Ourense e que por fin se consigne unha partida orzamentaria, 1 millón de euros, para o tramo do Eixo Altlántico Ferrol-A Coruña

Rodríguez subliñou que se trata de partidas novas, "non substraídas doutras actuacións", e lembrou que deste xeito o Eixo Atlántico pasa dos 139 millóns de euros contemplados no proxecto do Goberno a ter 150 millóns de euros, que o tramo Lubían-Ourense, que só tiña unha partida de 225.000 euros "multiplica por dez o seu orzamento ao pasar con este acordo a ter 2 millóns de euros e podese por tanto comezar o proxecto construtivo". E a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña, que "como sabedes non tiña nada de nada, logra por fin, 1 millón de euros para facer o proxecto". E reiterou neste sentido, o obxectivo do BNG de que todo o Eixo Atlántico estea en funcionamento no 2009.

Respeito ás estradas, o deputado do BNG informou que para a circunvalación de Pontevedra, que só tiña 110.000 euros para tres anos, pasará a ter 500.000 euros pero a realizar o proxecto en dous anos. A autovía A-52 por Pontevedra para a que tamén se contemplaba só 110.000 euros, agora terá 1 millón de euros. En A Coruña, a autovía As Lonzas-Zapateira pasa de 100.000 euros a ter 400.000 euros.

En total, o orzamento de Fomento para Galiza pasa a incrementarse e pola mediación do BNG, en aproximadamente 15 millóns de euros.

No relativo ao meio ambiente, en concreto actuacións na costa, Francisco Rodríguez recalcou que o incremento de ao redor de 4,5 millóns de euros para este capítulo destinaráse a 7 actuacións: a recuperación de cinco praias no litoral coruñés, e a restauración dun edificio de salazón situado en dominio público.

O deputado nacionalista explicou que o acordo final, que se vai asinar o vindeiro luns, recollerá asemade os incrementos orzamentarios destinados á electrificación do rural galego e o desenvolvimento do agro para as que pode haber entre 12 e 13 millóns de euros, mais advertiu que "estes son os flecos que quedan pendentes até o luns vindeiro". Polo tanto o monto total de incremento para Galiza coñecerase con "certeza a próxima semana aínda que pode supor uns 30 millóns de euros mais".

Informou tamén que o BNG participará nunha emenda a asinar por todos os grupos parlamentares da Cámara para incrementar as partidas destinadas a pensións contributivas e políticas referidas ás persoas dependentes.

Rodríguez vinculou este acordo cun compromiso cara os Orzamentos de 2007. "Falei xa da nosa satisfacción moderada porque por moito que intentaramos agora cambiar os orzamentos hai que dicer que están consumados. Por iso, acordamos co PSOE que para o próximo exercicio as negociacións sobre as partidas destinadas a Galiza comezarán no mes de Xuño que é cando se elaboran os Presupostos e non vinte días antes. O partido no Goberno amosou o seu dispor a que así será a respeito dos cartos para o 2007".

Francisco Rodríguez comezou a súa alocución deixando claro que o BNG sempre amosou a súa disposición a dialogar sobre os orzamentos algo que "co Goberno do PP era absolutamente imposíbel pola súa actitude despreciativa e antinacionalista", nesta ocasión si houbo posibilidade de mellorar os orzamentos destinados ao noso país.

E lembrou que as pretensións do BNG eran que as partidas para Galiza superasen os 1.500 millóns de euros e o "logramos". Ademais, apuntou que outros dos nosos obxectivos era "racionalizar os investimentos, facelos máis creíbeis, combatir a lentitude e a parsimonia na execución das obras do ferrocarril". Rematou afirmando que "hai un Goberno bipartito na Galiza, conformado polo BNG e o PSOE, e temos interese en que a política sexa acompasada", en referencia ao acordo acadado esta tarde.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: