Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
AMEAZADA POLA CONSTRUCIÓN DUNHA URBANIZACIÓN

Pola defensa da fraga de Menáncaro

As vindeiras semanas desenvolveranse unha serie de actividades destinadas a defender a conservación da fraga de Menáncaro, un dos escasos exemplos de bosque autóctono que persisten no municipio. Situada na zona de Serantes, vese ameazada polo proxecto de construción dunha urbanización. As mobilizacións previstas contan co respaldo de varias organizacións ecoloxistas, entre as que figuran Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural –SGHN-.

- 17:19 21/12/2005
Tags:

A de Menáncaro é, a día de hoxe, unha das derradeiras fragas existentes en Ferrol, xunto coas situadas na Graña, Leixa e Covas. Nesta área, que presenta unha grande biodiversidade, existen varios carballos centenarios que carecen de ningún tipo de protección legal. Así, está prevista a construción na zona dunha nova urbanización residencial, con 70 vivendas acaroadas.

Por este motivo, unha plataforma cidadá está a promover diversas actuacións destinadas a informar da perda que suporía a destrución da fraga. O colectivo conta co apoio de diversas entidades ecoloxistas e culturais, entre as que figuran Adega, SGHN, Os Picos do Sol ou Artábria.

As mobilizacións darán comezo o día 23 de decembro, cun pasarrúas festivo a partir das 18:30 horas no Cantón de Molíns. O mesmo emprazamento acollerá o 4 de xaneiro un obradoiro didáctico. Por último, os días 8 e 22 de xaneiro desenvolveranse senllos roteiros pola fraga de Menáncaro, a partir das 11:00 horas. Nestas saídas desenvolveranse diversas actividades, como a procura de rastros pola fraga, contacontos, ou a charla Quen quere Mencáncaro urbanizado.

As persoas interesadas en participar neste programa poden obter máis información no propio blog da plataforma que o promove.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: