Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
POLAS IRREGULARIDADES NA CONCESIÓN DE LICENZAS

A Xunta leva o Concello de Sada aos xulgados polas súas ilegalidades urbanísticas

A volta á alcaldía de Sada de Ramón Rodríguez Ares, "Moncho", en 2004 vía moción de censura e coa axuda dun tránsfuga socialista, reeditou unha serie de prácticas urbanísticas que a oposición local vén denunciando reiteradamente. A comezos de mes coñeciamos a decisión da Xunta de suspender as normas de planeamento urbanístico do Concello e de impedirlle a concesión de novas licencias para a edificación. Agora, e logo do informe da súa asesoría xurídica, o goberno galego acorda emprender accións xudiciais contra o concello sadense.

- 13:33 22/12/2005
Tags:

A concesión de licenzas de construción que "non respectan as normas urbanísticas vixentes" realizada polo goberno municipal de Sada é motivo da decisión ratificada este xoves no Consello da Xunta de levar ao Concello aos xulgados.

Tres casos concretos serán obxetivo do executivo autonómico. En primeiro lugar vaise interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a decisión do goberno liderado por Moncho Ares de desestimar a petición que a consellaría de Política Territorial lle fixera para a revisión da autorización, o pasado mes de abril, da construción de tres edificios para 77 vivendas, garaxes e rochos no lugar de Tarabelo. Do mesmo xeito, inícianse accións xudiciais contra a licencia outorgada en maio para construír un edificio de 11 vivendas en Samoedo e doutros dous de 42 vivendas en Tarabelos e haberá recurso contencioso-administrativo contra a concesión dunha licenza para catroedificios no lugar dos Tornos-Meirás.

Decisión ténica
Lembrámoslles que o goberno galego xa rexeitara en setembro o plan urbanístico do concello debido ás múltiples irregularidades detectadas. A comezo do mes de decembro e logo de notificarlle ao concello a paralización das normas de edificación locais o alcalde acusara ao bipartito de actuar en "vinganza política" e paradoxalmente negábase pouco despois a convocar un pleno para debater sobre un asunto desa trascendencia para o Concello. Así, a Xunta aprobará nas próximas semanas unha normativa urbanística provisional que rixa esta actividade en Sada até que se deseñe un novo plan urbanístico. A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, lembráralle a Ramón Rodríguez Ares que "a decisión respondeu a criterios estritamente técnicos".

A Xunta considera que as actuacións urbanísticas do Concello "están a provocar unha serie de consecuencias negativas como é a degradación e desnaturalización dos asentamentos rurais e do seu entorno natural", promovendo bloques de edificación de tipo urbano "entre as edificacións de tipoloxía unifamiliar illada, que caracterizan o modelo tradicional de asentamento no medio rural de Sada". Acusan tamén ao goberno de Moncho ares de virar núcleos rurais en suburbanizacións "sen as infraestruturas, zonas verdes e dotacións públicas necesarias para atende-las demandas xeradas polas novas actuacións", incumprindo os criterios de calidade de vida e cohesión social establecidos pola lei.

Logo de ter xuntanza co rexedor sadense, o grupo de construtores locais afectado por esta decisión remitiulle un escrito á consellaría quixándose pola suspensión no que lle pedían axilizar os trámites e aclarar dúbidas sobre as accións contra o goberno municipal de Sada.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: