Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emoción polo liderato da Volvo ao chegar a Australia

Agra e Gómez Pallas rematan o Dakar

Chegaron finalmente a Dakar 93 motos, 67 automóbiles e 33 camións, isto é, practicamente un terzo dos que saíran de Lisboa o último día de 2005. Entre eles non estivo o tudense Antonio Montero, que participaba cun camión de apoio. Si que cruzaron a liña de meta o porriñés Xacob Agra e o bergantiñán Fran Gómez Pallas.

- 10:20 16/01/2006
Tags:

O rali Lisboa-Dakar 2006 non foi especialmente duro, pois case un terzo dos participantes conseguiron cruzar a liña de meta da capital senegalesa. A prohibición de usar GPS non provocou grandes perdas de tempo e os favoritos conseguiron subir ao caixón en cada unha das categorías. Iso si, tres mortes, a do piloto australiano Andy Caldecott, a do neno guineano Boubacar Diallo e a do rapaz senegalés Mohamed Ndaw, engadíronse á lista de vítimas dunha proba que, a esta altura, xa supera os 50 rexistros.

Esta edición de 2006 era tamén a do primeiro contacto do porriñés Xacob Agra coas areas do deserto do Sáhara. E non só conseguiu rematar a proba, senón que ademais o fixo nunha envexábel vixésima posición logo de coarse entre os dez mellores nas primeiras tiradas da proba. Tamén rematou a proba o bergantiñán Fran Gómez Pallas, que sufriu unha rotura de queixo na tirada máis longa e que aproveitou o rali para repartir polas aldeas africanas roupa recollida na comarca carballesa. Aínda que só puido ser 53º, esta é a segunda vez en que remata a proba das catro en que participou.

En automóbiles, o gañador foi o francés Luc Alphand, esquiador e piloto de ralis, que proba o sabor de cruzar de primeiro a meta de Dakar. En motos, tamén puña os seus pés no podio por primeira vez o catalán Marc Coma, o segundo catalán en vencer na proba, mentres que en camións recuncaba, e xa van cinco títulos consecutivos, o ruso Vladimir Tsaguín. Os vencedores xa se coñecían do sábado, posto que a breve tirada final, con saída e chegada en Dakar, e que discorría polas ribeiras do Lago Rosa, non foi cronometrada.

Clasificacións xerais.
Motocicletas.
1º Marc Coma (CAT), KTM, 55:27'17"
2º Cyril Despres (FRA), KTM, a 1:13'29"
3º Giovanni Sala (ITA), KTM, a 2:29'48"
20º Xacob Agra (GZ), Yamaha, a 11:37'25"
53º Fran Gómez Pallas (GZ), Yamaha, a 27:04'29"

Automóbiles.
1º Luc Alphand (FRA) e Gilles Picard (FRA), Mitsubishi Prototype, 53:47'32"
2º Giniel de Villiers (SUD) e Tina Thorner (SUE), Volkswagen Tuareg, a 17'53"
3º Nani Roma (CAT) e Henri Magne (FRA), Mitsubishi Pajero, a 1:50'38"

Camións.
1º Vladimir Tsaguín (RUS), Semen Iabukov (RUS) e Serguei Savostin (RUS), Kamaz 4911, 71:22'16"
2º Hans Stacey (NED), Charly Gotlib (BEL) e Bernard der Kinderen (NED), Man TGA, a 2:21'09"
3º Firdaus Cabírov (RUS), Aidar Baliaev (RUS) e Andrei Moqueev (FRA), Kamaz 4911, a 3:05'52"


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: