Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA UE

O Parlamento Europeo volve adiar a aceptación do galego

En 2005 o goberno Zapatero chegaba a un acordo coas institucións europeas para un uso limitado de galego, catalán e vasco na Unión. Ese acordo xeral debería levarse á escrita con cada unha das institucións. Así o fixeron xa o Comité das Rexións e a Comisión, pero o Parlamento, presidido polo catalán Josep Borrell, resístese á súa aprobación.

- 02:32 17/01/2006
Tags:

O uso de galego, catalán e vasco no Parlamento Europeo non vai ser para agora. A vicepresidenta alemá da cámara, a socialdemócrata Dagmar Roth-Behrendt, pediu un adiamento da decisión co obxectivo de estudar mellor o tema. Así pois, non hai á vista nin acordo nin data para a súa sinatura. En decembro xa se producira un primeiro debate no seo da Mesa do Europarlamento, que ten competencia exclusiva sobre o réxime lingüístico. Nela posicionáronse a prol dun uso limitado do galego, o catalán e o vasco o presidente do Parlamento, o socialista catalán Josep Borrell, así coma o vicepresidente dos Verdes, o occitano Gérard Onesta. O resto amosouse en contra de aceptar a proposta do goberno español, á que lle vían diversos problemas técnicos e de organización.

O acordo con outras institucións, coma co Comité das Rexións ou co Consello da Unión, sinala a obrigatoriedade de avisar con meses de antelación se se quere facer unha intervención en galego, limita o uso a determinadas xuntanzas ou actos e, finalmente, afecta un pequeno número de persoas. No Europarlamento poderían beneficiarse desta medida catro galegos, dous do Partido Popular e dous dos socialistas: Rosa Miguélez, Antolín Sánchez Presedo, Carme Fraga e Daniel Varela.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: