Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O QUE OS MEDIOS ESQUECERON CONTAR O ANO PASADO

Congo, Chechenia ou Uganda son exemplo das crises "invisíbeis" en 2005

Malia que as autoridades falen de "situación normalizada" en Chechenia, desde Médicos sen Fronteiras definen a situación no país de "necesidade estrema, medo, inseguridade e escasa resposta internacional". O colectivo lembra que "milleiros de civís chechéns volveron a seus fogares destruídos este ano só para topárense con aquilo do que fuxiran no seu día: medo, violencia e unha sensación cada vez maior de illamento". É exemplo das dez crisis "máis esquecidas" pola luz dos medios en todo o mundo.

- 08:03 20/01/2006
Tags:

"A cobertura mediática pode ter un impacto positivo nas operacións de axuda, a crise do Níxer o ano pasado é bo exemplo", opina Rafael Vilasanjuán, director xeral da asociación, "aínda que a axuda chegou tarde demais, as operacións de asistencia intensificáronse debido á atención da prensa no punto álxido da crise".

"Millóns de persoas loitan por sobrevivir no medio de crisis en lugares que raramente son noticia, por non dicir nunca", láiase, "a nosa experiencia amosa que o silencio é o mellor aliado da inxusticia e mentres o traballo das organizacións humanitarias neses contextos teñen gran apoio social, a sociedade apenas recibe información dos medios".

A lista de Médicos sen Fronteiras inclúe...

Congo: onde a penuria estrema e a violencia que sofren millóns de cidadáns pasa practicamente desapercibida para o resto do mundo. Advirten que desde novembro novos combates entre forzas do goberno e rebeldes mai-mai causaron o desprazamento de milleiros de persoas na provincia de Katanga.

Haití: onde os cidadáns de Porto Príncipe viven atrapados no medio de abrollos de violencia.

India: a poboación civil dos estados de Assam e Manipur, ao noreste do país, segue afectada por violencia habitual de carácter relixioso e étnico.

Sudán: Onde logo do acordo de paz a poboación afectada por un conflito de 20 anos de duración aínda non experimentou melloras reais nas súas condicións de vida.

Somalia: con hospitais e clínicias por todo o país saqueados ou danados por grupos armados e só catro médicos por cada cen mil persoas.

Colombia: coas forzas militares gubernamentais e os grupos paramilitares e guerrillas armadas enfrontadas co narcotráfico coma escenario de fondo.

Uganda: con máis de 1,6 millóns de persoas obrigadas a deixar os fogares para ir a campos que lles ofrecen falsa seguridade e case ningunha asistencia.

Costa de Marfil: onde a guerra que comezou en 2002 se cobrou a vida de milleiros de civís e obrigou a centos de milleiros a deixar os seus fogares.

SIDA: apenas se lle presta atención á case total falta de investigación e desenvolvemento para atopar novas ferramentas adaptadas aos enfermos máis afectados pola síndrome: os que viven nos países máis pobres.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: