Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA ENCOMÉNDASE A ZAPATERO

O rueiro franquista de Vázquez chegou á Moncloa

"Primeiro dixo (Francisco Vázquez) que non ripaba os nomes dos xenerais golpistas porque eran algo histórico. Agora alega razóns artísticas. Algo melloramos, supoño". A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que preside Beatriz Amigo, rexistrou o xoves na Delegación do Goberno unha petición que empeza así: "Nos primeiros meses do levantamento militar fascista de 1936, na comarca coruñesa, foron executadas 236 persoas...". "Non somos ilusos", admite Amigo. En 2005, Vázquez aínda lle adicou unha rúa na Grela ao alcalde franquista José Crespo.

- 11:28 20/01/2006
Tags:

O I Congreso da Memoria, celebrado en Narón, xa lle pediu aos concellos que fosen retirando das prazas, rúas e edificios públicos os símbolos franquistas. No último Congreso do PSOE tamén se adoptou unha resolución no mesmo sentido. A Lei 33/1981 daba un prazo de tres anos para a retirada dos escudos franquistas.

Pero na entrada principal de María Pita aínda hai unha vidreira co escudo da ditadura, o tristemente célebre polo fritido. A mesma representación atordoa a memoria na fachada do cuartel de Atocha ou Correos. "En total son máis de 40 puntos esparexidos por toda a cidade; toda a nómina de xenerais africanistas, Sanjurjo, José Antonio... ou o hospital Juan Canalejo. Por non falar da estatua de Millán Astray, claro", di Amigo.

Recentemente, os membros da APA da escola primaria Raquel Camacho pediron a retirada do escudo franquista da entrada do colexio. Denegáronlla.

Os agravios de Vázquez

A CRMH da Coruña lembra que PP e PSOE xa rexeitaron en dúas ocasións as mocións do BNG para que se retirase o recoñecemento a Franco -do 10 de outubro de 1936- como Fillo adoptivo e predilectísimo da cidade da Coruña. E reiteran a mensaxe dunha "auténtica vergoña para a nosa cidade".

Pídenlle a Zapatero que actúe como presidente do Goberno para que se cumpra a lexislación vixente, e para que o goberno municipal da Coruña "siga as liñas de actuación que ten o seu partido noutros concellos de Galiza e España".

No mesmo documento rexistrado o xoves na Delegación do Goberno, esixen a destitución de Vázquez como presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) "se continúa con esta actitude de defensa e conservación da simboloxía franquista".

"Aquí, ou estamos coa ele a voltas, ou coa bandeira española máis grande de España, ou coa simboloxía franquista", di Amigo.

"Anque tampouco somos ilusos", matiza. "Pode que lle tiren un pouco das orellas no Congreso Federal, pero até que cambie o goberno municipal...".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: