Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

SOS Penedos de Pasarela

A Consellería de Medio Ambiente, no seu afán por contribuír ao “desenvolvemento sustentábel” do país, semella disposta a dar o visto e prace á canteira de granito de Pasarela (Vimianzo). O conxunto dos penedos de Traba (Laxe), Pasarela e Braño (Vimianzo), de grande beleza paisaxística, está en perigo. Mediante un acto informativo e un recital poético celebrado en Santiago, o colectivo Adiante Soneira e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertaron a todo o país contra un novo intento de destrucción do noso patrimonio natural.

- 11:16 19/11/1999
Tags:

O conxunto ameazado está formado por numerosos penedos de curiosas formas entre os que se achan a Pedra Grande da Barca, o Miradoiro da Cachucha, o Castelo (con restos arqueolóxicos da Alta Idade Media), Pena Cantadora ou Petón do Martiño. De acordo cun informe da Consellería do Ambiente, o contorno inmediato da Pedra Grande da Barca e da Cachucha ficaría preservado, mais iso non é suficiente para que o colectivo Adiante Soneira e as asociacións ecoloxistas ADEGA e PX acepten a canteira de Pasarela, xa que suporá un dano irreparábel e “unha perda de identidade, non só para Vimianzo, senón para toda a Costa da Morte.

O escritor Manuel Rivas escribiu sobre os penedos de Pasarela, situados a uns catro quilómetros da liña de costa, que “ para calquera mirada humana, para calquera ollo que non sexa simple depredador, esa paisaxe non necesita definición. Emociona, sobrecolle, vólvese inesquecible. Non hai en Europa unha paisaxe de beiramar semellante. Conservala non é só unha obriga de tipo cultural e ecolóxico. É un investimento de futuro”.

Os ambientalistas demandan á Xunta que non conceda a licencia de explotación e ao Concello de Vimianzo que non recalifique os terreos forestais nos que se situaría a canteira. Como alternativa a esta, propoñen a potenciación dun turismo respectuoso co contorno, na liña de experiencias como a da Costa do Granito Rosa, na Bretaña.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: