Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MALIA AS FORTES MEDIDAS ANTIDISTURBIOS, O GOBERNO NEGA A CARGA POLICIAL

A xornada máis dura das mobilizacións do metal colapsa o centro de Vigo

Nove feridos -un deles grave-, o centro de Vigo colapsado, barricadas ardendo na Gran Vía, choiva de pedras e pelotas de goma... a cuarta xornada das mobilizacións do sector do metal en Vigo foitamén a máis violenta, con duros enfrontamentos entre a policía e os manifestantes que manteñen o centro da cidade nun estado de caos. A policía esta vez cargou con contundencia contra perto de 10 mil manifestantes -segundo a policía local- que se desprazaban dende a Praza do Rei até a estación de Renfe, a onde xa non deron chegado, pois perto dun cento de axentes comezaron a disparar pelotas de goma para dispersar os manifestantes, que responderon co lanzamento de pedras, ladrillos e outros obxectos. A subdelegación do Goberno confirmou que hai unha persoa detida e varias foron identificadas, pero negou que houbese carga policial.

- 16:57 08/05/2006
Tags:

Fontes da subdelegación pontevedresa indicáronlle a Europa Press que "os axentes responderon protexéndose" logo de que os manifestantes rompesen o cordón policial que se colocara na estación de Renfe para facilitar a entrada e saída dos cidadáns, e que en calquera caso "non houbo orde de efectuar unha carga".

A policía tamén impediu unha concentración posterior que se ía celebrar diante do Concello. Esta tarde os sindicatos e a patronal reúnense ás 5 da tarde coa mediación da Consellaría de Traballo, aínda que non parece probábel que haxa acordo á vista.

O BNG pide explicacións no Congreso
A deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentaria esta tarde na que pide explicacións "pola desmesurada carga policial desta mañá en Vigo contra os manifestantes do sector do metal en folga desde o pasado 3 de Maio".

Na súa petición, Davila afirma que polo de agora "as protestas e concentracións deste colectivo de traballadores desenvolvéronse dentro da normalidade dunha folga destas caracteristicas", mais hoxe a xornada viuse afectada "pola desproporcionada carga policial que contra os traballadores que se manifestaban nas proximidades da estación de Renfe, e que se atoparon cunha desmesurada actuación policial".

"A partir da violenta actuación da policía, Vigo viuse envolta nun caos absoluto, nun cenario de nervosismo, manifestantes dipersándose por diversas rúas, cortes de tráfico, persoas agredidas e feridas, e incluso, algún detido", explica Fernández Davila.

Diante destes feitos, a deputada formuloulle ao Executivo as seguintes preguntas: "É a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a responsábel desta lamentábel actuación policial? Comparte o Goberno este xeito de proceder? Vai o Executivo investigar o sucedido e pedir responsabilidades á Subdelegación do Goberno de Pontevedra, a autoridade competente?". Ademais, a deputada do BNG quer sabe cantas persoas resultaron feridas de diversa consideración.

Galiza Nova convoca folga no ensino para o xoves
Galiza Nova foi das primeiras organizacións en enviar un comunicado expresando a súa "indignación ante un novo episodio de violencia policial e do recurso á mesma de novo nun conflicto laboral".

As mocidades nacionalistas quixeron manifestar tamén a súa "solidariedade cos milleiros de traballadores e traballadoras do metal que se veñen mobilizando nas últimas datas dentro do proceso de negociación do seu convenio", e comprometéronse a "estender a solidariedade ao ámbito xuvenil, en particular coa convocatoria dunha folga xeral no ensino na cidade de Vigo para o vindeiro xoves 11 de maio", data para a que está prevista unha nova concentración do sector metalúrxico na cidade olívica.

O MPDC condena a "brutal carga policial"
O Movemento polos Dereitos Civís tamén quixo condenar a "brutal, desproporcionada e indiscriminada carga acometida hoxe en pleno centro da cidade olívia polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado coa intención de neutralizar aos traballadores do metal que estaban exercendo o seu dereito á folga".

Segundo a versión dos feitos denunciada por este colectivo, "esta mañá organizábanse en Vigo diferentes piquetes informativos dentro das diferentes mobilizacións organizadas con motivo da renovación do convenio do metal. Estos piquetes discurrían pacíficamente polo centro da cidade, rodeados en todo momento pola policía antidisturbios e numerosas grilleiras. A primeira hora houbo un primeiro intento de carga sen mediar provocación, pero que ante a falta de reacción das persoas que conformaban o piquete foi abortado. Sen embargo horas despois, e sen que existise ningún cambio na actitude dos manifestantes a policía cargou con total virulencia, golpeando brutalmente aos integrantes do piquete, pero tamén a diferentes transeúntes que nada tiñan que ver coa mobilización. A policía neste caso adicouse a dar malleiras indiscriminadas e desproporcionadas a mozos e vellos, sen facer caso de se existía ou non resistencia. Temos tamén coñecemento de que un home foi arrastrado por unha das grilleiras da policía que rodeaba aos manifestantes."

A crónica do MPDC continúa explicando que "grazas á carga policial o piquete foi fraccionado en pequenos grupos de persoas que agora mesmo seguen a fuxir da policía polas rúas do centro de Vigo e polo Mote do Castro. A actuación policial convertía a cidade nunha batalla campal na que eran represaliados non só os membros do piquete, senón calque persoa que circulara pola rúa, conseguindo así que numerosos veciños estén atrapados nos seus domicilios polo medo a saír á rúa."

É por isto que "esde o Movemento polos Dereitos Civís condeamos o sucedido hoxe en Vigo, entendemos que a policía e o goberno non pode cargar e apalear aos integrantes dun piquete pacífico, non pode utilizar a violencia como resposta ao exercizo lexítimo dos dereitos dos traballadores, e solidarizámonos cos traballadores do metal e con todos aqueles represaliados alleos ás mobilizacións que tamén viron vulnerados os seus dereitos fundamentais".

  • Galería fotográfica: Batalla campal en Vigo.

  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: