Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESBALDE DE MILLÓNS DE LITROS CADA ANO

Outra "cultura da auga" é posíbel

O encoro de Zamáns perdeu en fugas durante o ano 2005 máis de nove mil millóns de litros de auga, e un fogar galego calquera pode chegar a gastar unha media de tres litros demais cada vez que se usa o depósito do inodoro, do mesmo xeito que unha billa que pinga causa un desbalde de até 50 litros diarios. Son exemplos do mal uso dun recurso imprescindíbel e limitado. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, subliñan a necesidade de aplicar medidas urxentes para unha "xestión sustentábel" da auga.

- 07:07 01/06/2006
Tags:

A nivel estatal existe exemplo de cidades onde se introduciron plans integrais para a xestión da auga a varios niveis, desde as institucións ás empresas e insistindo especialmente na concienciación cidadá. Destacan casos como o de Vitória, onde cunha poboación de 227 mil habitantes, en dez anos foron quen de reducir un 10% o consumo de auga malia que a poboación nese período mesmo se incrementou en trece mil novos veciños. No contorno urbano de Alcobendas, distribuíronse sistemas de economización de auga en 4 mil fogares, resultando no aforro de 102 millóns de litros nun só ano. Outro exemplo é Zaragoza, que proximamente organizará unha exposición mundial onde a auga será protagonista temática, e que en apenas tres anos reduciu de 79 a 70 hm3 o seu consumo.

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza destacan a necesidade de poñer nas axendas políticas do novo goberno e das administracións locais, a introdución de medidas estruturais e urxentes que vaian nesa liña do fomento dunha "cultura da auga aforradora e eficiente". "A auga é un recurso limitado e esencial para a conservación da biodiversidade, dos ecosistemas naturais, das paisaxes e do equilibrio ecolóxico e cómpre rematar co seu desbalde e xestionala como o que é: un ben sen o que no pode vivir nen os seres humanos nen a natureza", subliñan. Sucesos coma o xa citado de Zamáns, ou a recente morte de milleiros de troitas no río Tambre por un caso de contaminación, son exemplos que na opinión dos ecoloxistas galegos amosan "a falta de sensibilidade cara a este recurso limitado".

Rego por goteo; evitar regar en horas de sol onde boa parte da auga se evapora; mudar o modelo de xardineiría actual de herba verde todo o ano; reutilizar auga de choiva para rego de xardíns; promover sistemas de reutilización de auga en fogares, tales como billas economizadoras; promoción de electrodomésticos de baixo consumo de auga; penalizar con taxas especiais os consumos excesivos... As medidas posíbeis son moitas e variadas. Desde Adega insisten en que o debate sobre unha nova cultura da auga esta xa en primeiro plano en moitos lugares do mundo e láianse de que "aínda non chegou ao noso país".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: