Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
JAUREGUIZAR E AGUSTÍN AGRA LEVAN OS PREMIOS DE NOVELA XUVENIL E INFANTIL

Diego Ameixeiras gaña o Xerais cunha novela xeracional sobre o 'postfracaso'

Na tarde deste sábado a Illa de San Simón volveu desvelar por segundo ano consecutivo o gañador do premio máis importante das nosas letras, o Xerais de novela. E foi Diego Ameixeiras, narrador coñecido polas súas dúas novelas negras publicadas co personaxe detectivesco ourensán de Horacio Dopico -Baixo mínimos e O cidadán do mes-, esta vez fóra do xénero puro e duro e achegándose ao retrato xeracional cun punto de vista masculino e perdedor, manexando referencias a penas vistas na novela galega e tan dispares como Nick Hornby, Álvarez Rabo ou o grupo indie Sr. Chinarro. Da letra dunha canción deste último vén o título gañador do Xerais: Tres segundos de memoria.

- 22:32 11/06/2006
Tags:

Ameixeiras non esqueceu facer mención a estes tres referentes para falar da súa novela, o retrato dun mozo de trinta anos no paro e no ínterin de buscar o seu enésimo curro precario, que se independizou de seus pais pero non dos seus colegas, cos que segue a compartir piso e cos que comparte así mesmo un retrato xeracional marcado polo que o autor denomina o postfracaso. Trátase da xeración que naceu a finais dos 70 e que protagoniza unha novela na que o sexo ten tamén unha presenza importante e pouco amábel, xa que se fala del abertamente.

Tres segundos de memoria está escrito a xeito de diario no que van aparecendo as desventuras do protagonista, os seus amigos, a súa ex-moza, un pouco ao estilo do autor de Alta fidelidade. O xurado destacou a incorrección política da novela, así como "certa vocación de malditismo e marxinalide" que porén "non impide que esteamos diante dun texto fresco e tremendamente cargado de humor".

Jaureguizar, Premio Fundación Caixa Galicia de Novela Xuvenil
Era a primeira vez que se convocaba este premio e o gañador foi un vello coñecido da literatura xuvenil dos últimos dez anos, o escritor e xornalista Santiago Jaureguizar. A novela presentouse co lema A casa das vacas mortas e está protagonizada por un rapaz que vive na comuna hippy de Negueira de Muñiz, neto dun alemán que foi camarógrafo con Leni Riefensthal pero que o nega coa mesma vehemencia que a cineasta alemá negaba a súa simptatía cara o réxime de Hitler. En palabras do autor, trátase dunha novela que fala do compromiso "nun tempo no que si era importante estar comprometido". Fala do nazismo alemán, nunha volta de torca de referencias que xa manexara nas súas anteriores novelas, Casa Skylab -na que tamén aparecía Negueira de Muñiz- e Cabaret Voltaire, na que xa tiña presenza Alemaña e o nacionalsocialismo dos anos 30.

Agustín Agra, premio Merlín de novela infantil
Así como os premios anteriores os levaron autores ben prolíficos nos últimos tempos e mesmo en plena promoción da súa obra máis recente, como é o caso de Ameixeiras con O cidadán do mes, o premio Merlín este ano foi parar nun descoñecido, Agustín Agra Barreiro, coa obra O tesouro da lagoa de Reid'Is que recupera a tradición da oralidade galega en boca dun avó que lles relata lendas aos netos. O xurado destacou o "ritmo interno exquisito" da novela e a boa conxugación do rexistro infantil cun léxico moi coidado. Agustín Agra é de Noia e dá clases nun instituto de Vilagarcía. Non ten obra publicada aínda que un relato seu gañou o Pedrón de Ouro hai dous anos, pouco menos do que leva escribindo literatura, algo que seguirá a considerar un hobby.

Na festa actuou como mantedor Manuel Rivas, a piques de estrear en Xerais a súa agardada novela Os libros arden mal, tocaron os gaiteiros e o orfeón de Treixadura e, como todos os anos, xuntouse a plana maior do mundo cultural e literario galego. Outro ano máis, un anaco de terra cheo de historia como San Simón converteuse en testemuña do futuro co resultado destes premios. En setembro, cando se publiquen, refrendaremos o xurado ou non.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: