Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRITICA O PRIVILEXIO AOS GRANDES GRUPOS ESPAÑOIS DE COMUNICACIÓN

O Colexio de Xornalistas cualifica de "entreguista" a concesión de licenzas da TDT

"En troques de representar á Galiza socioloxica e ideoloxicamente diversa, reduce o seu pluralismo e incrementa a súa dependencia de grupos foráneos, alleos polo tanto a canto debera singularizar e afortalar, empresarial e culturalmente, o espazo galego de comunicación". Así o critica a xunta de goberno do Colexio de Xornalistas, a través do Observatorio Galego dos Medios, ao fío da recente concesión de licenzas de televisión dixital, subliñando a necesidade de que a opinión pública galega coñeza o "constante deterioro do noso patrimonio comunicacional, ao que veñen contribuíndo de maneira tan directa como irresponsable os sucesivos gobernos".

- 07:04 17/07/2006
Tags:

Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, a través do Observatorio Galego dos Medios, avisan que se manterá unha control estreito extrema sobre o proceso que agora se abre para a posta en funcionamento das novas canles dixitais, denunciando no seu caso calquera incumprimento das bases: produción propia nun 60% da programación, da que a metade debe emitirse en galego, lingua que ha de ser utilizada de xeito usual, e creación de postos de traballo, entre outros, "que eran requisito imprescindible para que os demandantes, galegos e foráneos, puidesen acceder ás licencias ofertadas".

"A concesión de emisoras locais de TV dixital terrestre que vén de facer a Xunta constitúe un paso decisivo nese proceso de progresiva colonización dese espazo en xeral, e neste caso concreto, do sistema audiovisual que lle é básico", apunta o Colexio . Lembran así que Galiza estaba diante dunha oportunidade "de ouro" para compensar as concesións que os gobernos anteriores fixeran ás grandes cadeas con base en Madrid, recordan que o Colexio xa denunciara o outorgamento que o goberno Fraga fixera dunha licenza de ámbito autonómico para "unha empresa ideoloxicamente afín, Popular TV-COPE, controlada pola Conferencia Episcopal española, en detrimento dun pool de empresas de comunicación galegas" e insisten que a nova Xunta debera aceptar o recurso presentado polas empresas marxinadas, ao fío do prometido durante a campaña electoral: "Pero tampouco foi así. A Xunta ignorou durante este seu primeiro ano o recurso, e nunca decideu revisar esa adxudicación, pese a que se tiñan detectado irregularidades e infracións normativas no informe técnico que avaliara a concesión outorgada por un goberno en funcións".

"Só pode ser calificada de entreguista a decisión que, aínda sen contar co apoio e o consenso do socio nacionalista, adoptou a Presidencia da Xunta ao incrementar o poderío mediático dos grandes grupos españois de comunicación que veñen operando en Galiza, concedéndolles a parte máis apetitosa das licenzas locais de TDT, aquelas que lles garanten o control audiovisual maioritario nas cidades e grandes áreas metropolitanas", advirte o Colexio de Xornalistas.

Ao tempo, demandan do goberno bipartito o cumprimento estricto dos seus compromisos programáticos en materia de comunicación. Entre eles, o da creación do Consello do Audiovisual antes de que se faga pública a convocatoria de novas licencias radiofónicas, analóxicas e/ou dixitais, delegando nel a competencia das adxudicacións.


Ligazóns

0/5 (0 votos)