Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DOS INCENDIOS A PÉ DA AUTOESTRADA

A Xunta non compensará a Audasa por abrir peaxes e lémbralle que non limpou as marxes

"A ninguén se lle escapa que as árbores á beira da autoestrada non naceron nin no último mes nin no último ano", ironizaba este martes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Desde o executivo confirmábase así que a propia Xunta se encarga xa de limpar as zonas no bordo da AP-9, labor que lle correspondería á empresa concesionaria. Ao tempo, o goberno descarta pagamentos a Audasa, que buscaba compensacións pola apertura das peaxes durante a emerxencia dos pasados días.

- 06:59 23/08/2006
Tags:

"É unha situación estrutural que herdamos neste país", comentaba o presidente da Xunta ao fío do estado das marxes da autoestrada do Atlántico, coa vexetación lambendo a propia estrada malia que supostamente, a empresa concesionaria ten a responsabilidade de manter esas zonas limpas para que non causen problemas á circulación.

Pérez Touriño avanzaba así que brigadas da propia Xunta iniciaron esta mesma semana traballos de limpeza e desbroce nos bordos da autoestrada. Un decreto ao respecto do labor de prevención de lumes establece que Audasa debera acometer eses traballos. Ao tempo, asegurou que as consellarías de Presidencia e Política Territorial acordaran coa concensionaria que se despregará no futuro un traballo de limpeza máis ambicioso que os niveis de mantemento tradicionais.

Durante os peores días da vaga de lumes, a empresa non abriu inicialmente as peaxes malia a situación de colapso acontecida e mesmo se lles esixiu o abono do traxecto aos vehículos que nun dos momentos críticos deberon dar a volta durante un dos maiores incendios sufridos á beira da vía. Nesa altura, e despois de fronte á emerxencia decidir finalmente a apertura das peaxes, a empresa valoraba xa en arredor de medio millón de euros a cantidade que deixaba de ingresar cada día no treito Santiago-Vigo. Desde o executivo apuntan a que Audasa pretendía agora que o goberno lle compensase esa perda, poñendo na mesa cantidades incluso superiores ao medio millón de euros diario. O presidente da Xunta, logo de descartar que se vaia conceder ese pago, non descartaba que o propio goberno galego lle esixa responsabilidades á empresa concesionaria polo descoido no mantemento dos bordos da autoestrada.


5/5 (1 votos)