Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
TRES DÍAS DE DEBATE ARREDOR DOS NOMES PROPIOS, DE PERSOA TAMÉN DOS TOPÓNIMOS

Preséntase o II Congreso Internacional de Onomástica Galega

Este martes preséntase en Pontevedra o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, que se celebrará no Pazo da Cultura os días 19, 20 e 21 de outubro. Durante esas xornadas, os ponentes e os asistentes intentarán saber máis sobre os nomes propios e de persoa, de lugar e de establecementos comerciais; todos eles vistos desde varias perspectivas coma a filolóxica, a lexislativa, a literaria ou a social. Asistirá xente da cultura, membros do Concello e participantes de moi distintas partes do mundo.

- 16:25 09/10/2006
Tags:

As ponencias darán unha idea xeral sobre a onomástica galega con comunicacións que versan sobre temas tan distintos como os apelidos en perigo de desaparición, os alcumes e pseudónimos galegos ou a motivación dos nomes dos bares en Vigo, entre outros. Haberá tamén a oportunidade de saber cales son os nomes das persoas de pobos coma os Bakongos, de Angola, ou como afecta o modo de vida actual na desaparición dos nomes de lugares en Cataluña, igual que pasa en Galiza. No congreso tamén se darán a coñecer proxectos sobre onomástica que están en curso e Presentarase, por exemplo, unha web que vai permitir ver cómo se distribúen os apelidos polos concellos galegos e se son frecuentes ou non.

Catro conferenciantes de sona internacional no mundo da lingüística aistirán a este II Congreso Internacional de Onomástica Galega. Entre eles atópanse Henri Dorion (Canadá), Mario Alinei e Francesco Benozzo (Italia) e Francisco Villar (España), que falarán respectivamente de lexislación toponímica (dos nomes de lugar), da "Teoría da Continuidade Paleolítica" das linguas, que fai remontar en milenios as cronoloxías aceptadas ata agora pola Lingüística e, finalmente, abordarán os nomes de lugar na península ibérica antes da chegada dos romanos.

Á rolda de prensa de presentación asisitirán a delegada Provincial da Consellaría de Cultura, Marta Patricia Souto González, o membro da Asociación Galega de Onomástica, Gonzalo Navaza, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Carlos Arena Carracedo, a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto e a concelleira de Cultura do concello de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro. Ademais, achegaranse a este foro relatores de todo o mundo desde lugares coma Voronezh (Rusia), Viena (Austria), Arlington-Texas (E.U.A.), Toronto (Canadá) e Pisa, Bologna e Sassari –Sardeña- (Italia). Tamén participarán especialistas de Euskadi, Cataluña e Portugal e un gran número de investigadores galegos.

O II Congreso Internacional de Onomástica Galega foi organizado pola Asociación Galega de Onomástica co patrocinio da Dirección de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Caixa Galicia e o Concello de Pontevedra.


5/5 (1 votos)