Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O IGAPE SUBVENCIONA O PROXECTO CON 4,5 MILLÓNS DE EUROS

Ferrol contará coa primeira gran planta de biodiésel do pais

A primeira gran planta produtora de biodiésel de Galiza construirase en Ferrol. A iniciativa, promovida pola sociedade Entabán Biocombustibles de Galicia, contará cunha subvención do Igape de 4,49 millóns de euros a fondo perdido. O investimento total da planta, que elaborará combustíbel a partir de aceites vexetais, é de 29,93 millóns de euros e prevese crear 19 empregos de carácter indefinido.

- 16:39 16/11/2006
Tags:

O proxecto de Entabán pretende potenciar un sector que se pode converter en estratéxico para o desenvolvemento da industria galega, diminuíndo a dependencia enerxética do petróleo e a emisión de gases contaminantes para así cumprir cos obxectivos fixados pola Unión Europea e polo Protocolo de Kioto. A Comisión Europea instou os estados membros para que promovan o uso de biocarburantes, non só para reducir a contaminación, senón tamén para diversificar a actividade no medio rural. O Plan de Enerxías Renovábeis prevé que no ano 2010 o consumo de biocombustíbeis represente o 5,83% do consumo total de carburantes para o transporte.

O funcionamento da planta de biodiésel precisará do apoio de diversas empresas auxiliares e de servizos, o que tamén contribuirá a que se estabelezan máis iniciativas empresariais e xurdan novos postos de traballo na comarca ferrolá. A normativa legal esixe que o apoio do Igape a un proxecto de carácter excepcional sexa autorizado polo Consello da Xunta, que lle deu o seu visto e prace na sesión desta mañá.

No sector de biocombustíbeis tamén existe en Galiza unha planta de produción de bioetanol no concello de Curtis, propiedade do grupo Abengoa.


0/5 (0 votos)