Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PACTO, DO QUE QUEDOU EXCLUÍDA A CIG, ASPIRA A REDUCIR A SINISTRALIDADE

Xunta, empresarios, UXT e CC.OO. asinan o acordo polo emprego

A Xunta, a Confederación de Empresarios e os sindicatos UXT e CC.OO. asinaron o denominado "Novo marco de relacións laborais en Galicia: acordo polo emprego". O acordo, que Pérez Touriño cualificou de "histórico", está formado por nove pactos. Entre eles, inclúese o compromiso de crear o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e mais o Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais 2006-2010, ademais dun novo Servizo Público de Emprego. Malia que o presidente da Xunta salientou que o executivo tivo que renunciar a parte do seu poder decisorio para acadar o acordo cos axentes sociais, o outro sindicato maioritario, a CIG, abandonou en novembro a mesa de diálogo.

- 17:20 05/02/2007
Tags:

Emilio Pérez Touriño explicou que a Xunta depositou a súa confianza nos sindicatos e no empresariado pola súa convicción de que os grandes retos do país se deben tratar de xeito compartido. O documento abrangue tres leis, o novo Servizo Público de Emprego, o novo modelo de formación, a responsabilidade social das empresas, a representación institucional de empresarios e sindicatos, o modelo de seguridade laboral, os obxectivos e medidas para o emprego nos próximos anos e o marco de negociación colectiva en Galiza.

Así mesmo, o xefe do executivo anunciou que non se tolerarán os riscos no traballo, para poder reducir a sinistralidade a niveis mínimos. O obxectivo é conseguir a converxencia do noso mercado de traballo co de Europa segundo as pautas marcadas no Cumio de Lisboa. Para lograr a implicación dos axentes sociais na vida económica e social aprobarase a Lei de participación institucional. Ademais, prevese aprobar unha nova Lei reguladora do Consello Galego de Relacións Laborais, que reforzará papel do máximo órgano consultivo da Xunta no eido do traballo.

Segundo Touriño, a sinatura do acordo chega nun momento "oportuno", cunha situación sociolaboral que cualificou de "francamente positiva", coa redución do paro e o descenso da sinistralidade. Marcouse como próximo reto seguir a impulsar o diálogo social.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: